Vázquez Abad participa na inauguración dunha mostra sobre Víctor Said Armesto

Vázquez Abad na inauguración da mostra
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, participou esta tarde na inauguración da exposición “Víctor Said Armesto. A lección dun cidadán libre”, que se enmarca nas actividades conmemorativas do centenario do falecemento do polígrafo pontevedrés.
Na súa intervención, Vázquez Abad salientou que Said Armesto “é un persoeiro esencial na cultura ibérica que abarca as últimas décadas do século XIX e as primeiras do século XX”, polo que “cómpre que pase a ocupar o lugar que en xustiza lle corresponde no imaxinario colectivo galego”. Nesta liña lembrou que o Goberno galego, a través do departamento de Cultura e Educación, apoia e promove diversas iniciativas para conmemorar esta efeméride e, deste xeito, renderlle “un tributo acorde coa trascendencia da súa figura e do labor que don Víctor desenvolveu ao longo da súa vida en prol do pulo da cultura e da lingua de nós”.
Tampouco quixo esquecer o conselleiro o papel de Víctor Said Armesto como promotor da Real Academia Galega, así como subliñar o seu “firme galeguismo” e a súa “vocación decidida” por participar das correntes innovadoras que circulaban na Europa do seu tempo e que “nos falan dun home único”, asegurou.
A exposición, coa que se pretende rescatar do esquecemento e traer á actualidade a traxectoria vital e profesional de Víctor Said Armesto, poderá visitarse ata marzo de 2015 na Fundación Barrié.
A mostra configúrase como unha visión intelectual e humana da súa figura a través do seu legado escrito, e dos que foran seus amigos e mentores como Manuel Murguía, Miguel de Unamuno, Indalecio Armesto ou Emilia Pardo Bazán, entre outros. Víctor Said Armesto foi o primeiro catedrático en España de Literatura galego-portuguesa, e destacou en múltiples facetas como folclorista, filólogo, filósofo, literato e pensador político.
Ademais do conselleiro, no acto participaron tamén o presidente da Fundación Barrié, José María Arias Mosquera; o comisario da exposición, Diego Rodríguez; e o coordinador do proxecto, Carlos Villanueva.











