publicidade hoxe

Varios concellos das comarcas da Coruña e Betanzos recibirán preto de 150.000 euros do fondo de compensación ambiental

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaArangaArteixoCurtisIrixoaSobradoVilasantar
A-
A+

A delegada territorial da Xunta na provincia, Belén do Campo, visitou esta mañá o concello de Irixoa, onde adiantou que varios municipios das comarcas da Coruña e Betanzos recibirán en 2015 achegas por importe de 148.727 euros a través da liña non competitiva da orde de axudas do Fondo de Compensación Ambiental (FCA), que ven de publicarse no Diario Oficial de Galicia (DOG). Trátase, neste caso de fondos destinados a aqueles municipios que albergan no seu territorio instalacións de aproveitamento eólico.

A convocatoria adiántase deste xeito case catro meses con respecto ao ano pasado, co fin de facilitar a xestión das subvencións, pois proporcionará aos concellos un prazo de execución dos proxectos moito maior. Ademais, como consecuencia do maior prazo, resultará máis sinxelo para os concellos dar cumprimento ás esixencias legais de contratación e xustificación dentro dun procedemento de control de legalidade sumamente esixente.

Iniciativas orientadas á mellora do medio ambiente e ao reequilibrio territorial

Xunto co alcalde de Irixoa, Antonio Deibe, Do Campo supervisou os traballos levados a cabo a través destes fondos en 2014, que consistiron na ampliación da rede de abastecemento de auga no núcleo de Peixoanes. Neste senso, o rexedor adiantou que nos próximos días presentará a solicitude para concurrir o vindeiro exercicio a estas axudas, que teñen por obxecto financiar iniciativas orientadas á conservación da biodiversidade, ao impulso da eficiencia, ao uso sostible das enerxías renovables e á restauración e reposición do medio ambiente e reequilibrio territorial.

Ademais de Irixoa, outros cinco concellos da Coruña e Betanzos recibirán estes apoios ao contar con 40 aeroxeradores e 52.247 metros de liña en total dentro dos límites do seu termo municipal:

Concello
Nº aeroxeradores
Metros de liña
Importe subvención
(euros)
Arteixo
2
1.711
5.425,03
Aranga
9
14.442
35.184,72
Curtis
27.716
44.280,25
Irixoa
15,5
99
22.858,02

Sobrado dos Monxes

13,5
12.377
37.941,38
Vilasantar
1.902
3.038,72
TOTAL
40
58.247
148.727,42

Nesta liña de axudas, a provincia da Coruña recibirá fondos por importe de 2,6 millóns de euros, dos 6,6 millóns consignados para toda Galicia. Non obstante, a orde inclúe tamén unha liña de subvención de concurrencia competitiva, á que poderán optar a totalidade das entidades locais galegas que presenten proxectos medioambientais axustados á convocatoria. O importe neste caso é de 1,7 millóns de euros.

Neste sentido, a delegada territorial recordou que Irixoa tamén obtivo en 2014 a través la liña competitiva unha partida de 17.582 euros para a posta en marcha dunha brigada medioambiental, un proxecto desenvolvido de xeito conxunto co concello de Vilarmaior. Precisamente, esta última incorpora criterios para primar as solicitudes presentadas conxuntamente por mancomunidades de concellos, consorcios locais e agrupacións ou asociacións de concellos fronte ás presentadas individualmente.

A contía máxima dos proxectos a presentar será de 40.000 euros para as solicitudes individuais, e de 120.000 euros para as conxuntas, un 20 por cento máis que o ano pasado, cando o límite estaba nos 100.000 euros. Ademais, co obxectivo de contribuír ao fomento das fusións municipais voluntarias, e dentro das medidas para o seu impulso, este ano os concellos resultantes deste proceso poderán presentar proxectos ata un máximo de 120.000 euros, o mesmo importe que nas solicitudes conxuntas.

Presentación de máis dunha solicitude

A última das novidades que presenta a orde de 2015 é a posibilidade de presentación polos concellos de máis dunha única solicitude. Os concellos poderán realizar solicitudes de xeito individual, compatibles coa presentación dunha solicitude conxunta, co que se lle permite solicitar axudas para atender as súas necesidades específicas, sen que sexa un impedimento para apostar por outras de carácter conxunto e colaborativo.

As solicitudes destas características deberan referirse a unha única actuación, e todos os concellos solicitantes deberán realizar unha achega mínima do 25 por cento ao proxecto, salvo caso de máis de catro solicitantes que asumirán un reparto proporcional dos custes do proxecto, fomentando deste xeito o carácter colaborativo e supramunicipal destas iniciativas. Esta limitación a unha única actuación, non operará para as solicitudes realizadas por concellos resultantes de fusións municipais.

Segundo indicou Do Campo, “Galicia avanza satisfactoriamente na procura dun mellor equilibrio medioambiental”, obxectivo fundamental das axudas do FCA, e “resulta moi satisfactorio que o fagamos apostando pola colaboración entre administración que se está a converter nunha ferramenta de gran utilidade para o mellor aproveitamento dos recursos públicos”, apuntou.

Cinco anos beneficiando aos concellos

O Fondo de Compensación Ambiental é unha iniciativa que o Goberno da Xunta puxo en marcha en 2010 e que permitiu que por vez primeira os concellos galegos puideran beneficiarse directamente da explotacións eólicas, posto que as actuacións que se realizan son financiadas a través do canon eólico.

Ademais, este Fondo reflicte un triplo compromiso da Xunta: co medio ambiente -está dirixido a actuacións ambientais-, coas facendas locais, xa que representa un importante ingreso para as arcas municipais; e por último co reequilibrio territorial, xa que a maioría dos concellos beneficiados atópanse en zonas rurais do interior de Galicia.

4 de decembro de 2014 | 14:10 • Sen comentarios

Comentarios pechados.