publicidade hoxe

Uns 700 de veciños do Carballiño participaron nas reunións do avance da modificación do PXOM

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaO Carballiño
A-
A+

Todas as parroquias do Carballiño coñeceron de primeira man o avance da modificación do Plan Xeral, encargada polo goberno socialista de Carlos Montes, e que o actual alcalde xunto co edil de Obras, estivo a explicar durante estes meses. A impresión dos mandatarios municipais, despois destas reunións, é máis que positiva xa que “conseguimos o que nun principio queriamos, que todos os veciños que quixesen puidesen coñecer como afecta esta posible modificación nas súas propiedades”.

En total foron un 700 veciños os que participaron nas 16 reunións mantidas nos últimos tres meses, sen contar os alumnos dos institutos do Carballiño aos que tamén se lles explicou a importancia dun plan xeral.

Estas reunións serviron para obter o maior número de suxestións “para entre todos achegar unha idea global do futuro do noso municipio”. Até a data recibíronse e recolleron sobre 900 suxestións, a maioría delas referentes á perdida de zonas de expansión nos núcleos rurais. Foi grazas ás citadas reunións que o número de suxestións aumentou considerablemente.

O seguinte paso será achegar todas estas suxestións, tanto dos veciños como do propio concello, aos técnicos redactores do avance, paso previo imprescindible para saber que facer con este documento. Aínda se recibirán máis suxestións, será cando deixen de chegar cando se tomará esta decisión, para contar co maior consenso posible entre os veciños.

Tanto o alcalde como o edil de Obras agradeceron a atención prestada por todos os veciños neste tema, así como as achegas que fixeron ao documento “sorprendeunos gratamente ver como na maioría destas reunións os veciños e propietarios mostráronse moi receptivos a toda a información que lles achegamos, agradecendo que lles informásemos directamente deste avance, algo que até agora non se fixo con ningún documento desta importancia”.

5 de decembro de 2014 | 17:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.