Uns 500 xogadores participaron no IV memorial José Antonio Vega na Laracha

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA LarachaDeportes
A-
A+
Participantes no memorial

Participantes no memorial

O IV memorial José Antonio Vega congregou no Concello da Laracha a preto de 500 xogadores de baloncesto ao longo da pasada fin de semana. Participaron equipos de trece clubs diferentes de todas as categorías: desde pequebasket ata sénior (masculino e feminino), incluíndo un encontro de exhibición de baloncesto adaptado entre o Basketmi de Ferrol e o Amfiv de Vigo.

Disputáronse en total corenta e sete partidos entre os catro pavillóns polideportivos existentes no Concello da Laracha (dous na capital municipal, Paiosaco e Caión), sendo o evento un éxito organizativo, participativo e tamén de asistencia por parte do público.

Ambas xornadas concluíron cos actos de entrega dos trofeos e das medallas conmemorativas aos máis cativos. Na xornada do domingo presidiron ese acto protocolario o alcalde do Concello da Laracha -José Manuel López Varela-, a vicepresidenta da Deputación da Coruña –Mariel Padín-, a edil responsable da área de deportes da Laracha -Patricia Bello-, o concelleiro de deportes da Coruña –Francisco Mourelo-, a técnica da Deputación da Coruña –Dolores Huertas- e María José Torreira, a que viúva do homenaxeado José Antonio Vega.

O evento foi organizado polo Concello da Laracha e as Escolas Municipais de Baloncesto da Laracha en colaboración co C.B. Laracha, Escola Basket Xiria, C.B. Artai, a Federación Galega de Baloncesto e a Deputación Provincial da Coruña.

Os clubes participantes foron: Escolas Municipais da Laracha, C.B. Laracha,  Escola Basket Xiria, C.B. Artai, Escolas Municipais de Santa Comba, A.C.B. Costa da Morte, A.D. Calasancias, C.B.A. Obradoiro de Santiago, C.B. Culleredo, C.B. Montrove, Basket Coruña, Basketmi Ferrol e Amfiv de Vigo.

29 de decembro de 2014 | 18:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.