publicidade hoxe

Uns 30 postos participan nunha nova edición da feira local de segunda man en Teo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaTeo
A-
A+

Case trinta postos de venda participan mañá sábado 13 de decembro na feira local de segunda man organizada polo Concello de Teo. Esta edición celébrase no pavillón da Ramallosa e funcionará en horario de 12:00 a 14:30 horas e de 16:00 a 20:00 horas. Sobre as 13:00 horas haberá unha actuación do grupo Alvariza e pola tarde a partir das 18:00 horas animación para os/as máis pequenos/as.

A entrada ao recinto é de balde e neste mercado participan asociacións do Concello como Aspamite, a Asociación Recreativa e Cultural Os Tilos e Teenses pola Igualdade e os particulares que quixeron anotarse. Normalmente nestas feiras pódense atopar libros, xoguetes, obxectos de decoración usados pero en bo estado e a prezos reducidos. A feira local de segunda man xa se realizou en ocasións anteriores cun notable éxito de participación tanto de vendedores coma de visitantes.

Dende o Concello participarase cun posto do Roupeiro municipal. A recadación desta venda doarase ao Banco Veciñal de Alimentos que recollerá entregas solidarias durante toda a xornada no recinto.

Cantateo

Pola súa banda este domingo continúa o encontro de voces corais Cantateo. A actuación será no Centro Sociocultural da Ramallosa, que xa está listo para o seu uso despois das obras de arranxo realizadas no teito e nas vigas nas últimas semanas. Co auditorio da Ramallosa recuperado as corais teense volven actuar alí como en anos anteriores.

O domingo 14 contaremos coa actuación do Grupo de canto Aleceia dos Tilos, o Coro parroquial de Cacheiras e a Coral polifónica de Luou.

Pechan este encontro anual o 21 de decembro o Coro da igrexa evanxélica da Ramallosa, a Coral da Asociación Cultural Cruceiro do Monte e o Coro parroquial de San Francisco de Asís dos Tilos. As actuacións comezan ás 17:00 horas e a entrada é de balde.

12 de decembro de 2014 | 18:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.