Unha trintena de establecementos participarán no certame “Tapéate Ferrol”
A concelleira de Turismo do Concello de Ferrol, María del Carmen García Fraga, presentou esta mañá a nova edición do certame “Tapéate Ferrol” que dará comezo mañá e se prolongará ata o vindeiro 8 de decembro. A edil estivo acompañada polo presidente da Asociación de Empresarios de Hostalería de Ferrol e Comarca, Emilio Vázquez; e o membro do xurado e cociñeiro recoñecido coa Estrella Michelin, Javier Olleros, quen destacou a importancia do certame “para a estimulación dos establecementos e o enriquecemento da gastronomía local”. Esta iniciativa promovida polo Concello de Ferrol en colaboración coa Asociación de Empresarios de Hostalería de Ferrol e Comarca, conta tamén co apoio da Deputación Provincial da Coruña.
Un total de 28 establecementos, principalmente do centro da cidade, participarán en “Tapéate Ferrol” e as tapas serviranse aos clientes a un prezo de 2 euros, consumición non engadida. A edil de Turismo destacou que esta nova edición está integrada dentro do programa “De tapas por Galicia” da Xunta de Galicia, que promociona de maneira conxunta todos os concursos de tapas das sete grandes cidades galega a través dun folleto promocional. García Fraga tamén salientou que este novo concurso de tapas en Ferrol contará coa presenza de dous bloggers expertos en gastronomía, dos cales xa está confirmada a presenza de Jose Ramón Pérez de Viajablog, e que probarán as tapas ferrolás durante a xornada inaugural. Para a promoción desta nova edición de “Tapéate Ferrol”, a Concellería de Turismo, conta cunha páxina web específica onde se pode consultar os locais e as tapas, así como descargar un mapa “para realizar rutas de tapeo”, dixo a concelleira. Toda esta información pode ser consultada na web: www.ferrol.es/tapeate. , base da campaña activa en redes sociais a través do perfil FerrolTurismo.
Premios tamén para os clientes
O xurado de expertos gastronómicos están integrado polas tres Estrellas Michelin: Javier Olleros, Ivan Domínguez e o xaponés Takahide Tanaka; os cales valorarán a presentación, a técnica, o sabor e a utilización de materias primas galegas. Os membros do xurado escolleron hoxe mesmo as tres tapas gañadoras desta edición pero non se darán a coñecer os nomes ata mediados de decembro. En canto aos premios, se concederá os tres primeiros, por valor de 400 euros -no caso do primeiro-; 300 euros -para o segundo-; e 200 euros -para a tapa que quede en terceiro lugar-.
Aos galardóns dos expertos súmanse o que concede os clientes dos establecementos, xa que cos seus votos decidirán o Premio Especial do Público consistente en 200 euros en metálico. Ademais, e para incentivar a participación, a iniciativa “Tapéate Ferrol” contempla a realización dun sorteo entre as persoas que depositen os seus votos. Os participantes poderán optar a unha noite de aloxamento e actividade turística ou cea en Ferrolterra.











