Unha exposición e un concerto na Casa da Cultura abrirán en Monforte a programación do Nadal
Hoxe comezan as actividades incluídas no programa Nadal 2014-2015, deseñado e organizado pola concellería de Cultura, coa inauguración dunha exposición audiovisual e un concerto de guitarra.
As actividades programadas están dirixidas ó público en xeral, con especial atención ós máis pequenos xa que son os que gozan de vacacións nestas datas. Varias destas actividades xa teñen carácter permanente (concerto de corais, mostra de panxoliñas, cabalgata de Reis…), mentres que outras representan unha novidade dentro dun programa que engloba actuacións musicais, teatro e maxia.
Teatro musical e infantil, un festival de maxia e concertos de variada índole, conforman un programa que se inicia hoxe e que rematará o día 6 de xaneiro.
A concelleira de cultura, Pilar López, agradece a colaboración da Área de Cultura e Turismo da Deputación Provincial de Lugo e do Xacobeo Galicia, así como a de AMAFER, ADIF, RENFE, Museo do Ferrocarril, e Sociedade Filharmónica de Monforte, institucións e asociacións sen as cales sería imposible organizar este programa de actividades.











