Un veciño de Baiona foi detido como suposto autor dun roubo no interior dunha vivenda

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBaionaSucesos
A-
A+

A Garda Civil detivo a P.B.M., de 29 anos de idade, veciño de Baiona e de nacionalidade urugüaia, como suposto autor dos seguintes delitos: roubo con forza en interior dunha vivenda de Baiona, quebrantamento de condena e usurpación de estado civil, ademais de dúas faltas de estafa e estancia ilegal en España.

Por mor das investigacións iniciadas por compoñentes do Posto Principal da Garda Civil de Baiona, tras a denuncia presentada por roubo no interior dunha vivenda da localidade, na que, segundo o denunciante, subtraeron varios reloxos, xoias e material de fotografía, no día de onte procedeuse á detención do suposto autor do ilícito denunciado, procedéndose nese momento á intervención de dous reloxos, unha cámara de fotos e 11 xemelgos que os levaba no seu poder.

Conducido o detido ás dependencias oficiais do referido Posto Principal da Garda Civil ao obxecto da instrución das correspondentes dilixencias, púidose constatar que residía cunha persoa respecto da cal posúe en vigor unha orde de afastamento, polo que se lle imputa un delito de quebramento de condena.

Tamén se puido pescudar que coa cámara roubada cometeu dúas estafas en Internet consistentes en realizar a venda da mesma sen facer a súa entrega.

Nestas vendas o detido fíxose pasar polo nome, apelidos e DNI doutra persoa, suplantando a identidade da mesma, polo que se lle imputa un delito de usurpación de estado civil.

Debido a que é de nacionalidade doutro país, realízanse xestións co Corpo Nacional de Policía quen participa que sobre esta persoa pesa unha orde de expulsión de España.

O detido, ao que lle constan amplos antecedentes policiais, será posto a disposición do Xulgado de Instrución número TRES de Vigo.

5 de decembro de 2014 | 18:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.