Un total de 30 persoas finalizan o curso de fructicultura en San Sadurniño
O alumnado do curso de fructicultura impulsado polo Concello realizou esta fin de semana unha viaxe por A Estrada e Lalín para ver de que maneira se recuperaron e se están poñendo en valor nesas dúas zonas as plantacións de mazá. A viaxe foi unha das últimas clases tras case nove meses de formación para aprender todo o necesario sobre como poñer en marcha unha pequena explotación fructícola. A actividade, na que colabora a AGFA do Eume, pechará o xoves cunha sesión dedicada á comercialización tanto do produto en fresco como transformado.
O curso desenvolveuse sobre un programa de 60 horas de teoría e práctica, distribuídas en sesións que cadraron cos estados vexetativos das distintas árbores froiteiras. Así, desde marzo o alumnado puido meterse nun mundo case abandonado na comarca pero que está repuntando noutras zonas de Galicia, como é o caso dos concellos pontevedreses da Estrada e de Lalín. Ata alí marcharon o sábado cunha axenda densa en canto ao contido. Pola mañá visitaron unha plantación de mazás para sidra e tamén un lagar, mentres que pola tarde -xa en Lalín- coñeceron o manexo que se segue nunha explotación orientada á produción de variedades de mesa.
No eixo xeográfico A Estrada-Lalín-Chantada lévase traballando varios anos na posta en valor das castes de mazá do país que ata non hai tanto tempo marchaban a granel para os lagares asturianos e vascos. Algo semellante é o que buscan o Concello e a AGFA do Eume con curso que está a piques de rematar. Por iso todos os contidos se centraron en coñecementos básicos sobre a fructicultura como alternativa laboral e económica, a través da práctica de todas as operacións necesarias para a implantación e o mantemento dunha leira produtiva e adaptada á zona atlántica galega.
Esta acción formativa estruturouse en tres módulos. No primeiro abordouse a morfoloxía das distintas froiteiras, as ferramentas e as técnicas de poda segundo fosen árbores de óso ou pebida, castiñeiros para produción de castaña, kiwi ou árbores de pequenos froitos. Xa no segundo módulo tratáronse os sistemas de propagación e formación máis usuais así como os xeitos de plantación, mantemento e protección das árbores. Por último, o terceiro módulo ocupouse dos contidos relacionados coas alternativas fructícolas que máis se axeitan ao chan e o clima do país.
Ademais, a programación tamén incluiu os sistemas de recollida, conservación e comercialización e, non menos importante, sobre como por en valor a froita a través da elaboración de zumes ou marmeladas. De feito, ese será o contido da última sesión do curso que se celebrará o próximo xoves á tarde, impartida por profesorado do Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Guísamo.
A falla duns días para a clausura oficial do curso, o responsable de Participación veciñal, Manolo Varela, cualificou a iniciativa como “moi proveitosa polos contidos e pola calidade técnica do profesorado”. O concelleiro incidiu en que este tipo de formación “é unha forma de apoiar a diversificación do sector primario como medio de vida alternativo ou como complemento económico para moitas familias dunha comarca moi tocada pola crise”. Varela lembrou que en San Sadurniño “algo xa se está movendo nesta dirección” e puxo como exemplo o recente nacemento da Asociación Agroecolóxica A Cortiña, que busca mellorar a capacitación e estruturar arredor de si parte da produción e da comercialización agrogandeira da comarca.











