Un total de 28 restaurantes participarán no Mes do Cocido de Lalín con pratos a unha media de 26 euros
O concelleiro de Turismo, José Antonio Rodríguez, avanzou hoxe que serán “28 os restaurantes que participen no XVII Mes do Cocido que comeza o vindeiro día de San Amaro, o 15 de xaneiro. Un número que supón 4 establecementos máis que no ano pasado e a continuidade da gran maioría dos participantes na edición pasada”.
O edil explicou que tras a “xuntanza do pasado mércores, un total de 28 restaurantes formalizaron a súa participación no Mes do Cocido do ano 2015. Na listaxe que conformarán os locais de hostalería que se engadan a esta iniciativa, aparecen 6 novos establecementos que non participaron o ano anterior: Mesón O Cruce, Restaurante Asador O Toxo, Casa A Fonte do Souto en O Corpiño, Restaurante Sanmartín de O Corpiño, Bar Sanmartín II de Lalín e Parrillada Bergazos. Na listaxe causan baixa para este ano Parrillada Luis e Restaurante La Diligencia, co que se manteñen outros 22 restaurantes que nos últimos anos xa formaron parte habitual deste evento”.
O edil explica que estes restaurantes, ademais de participar na publicidade e difusión que se faga do evento, tamén poderán participar e beneficiarse das actividades de promoción que algúns dos patrocinadores da Feira realizarán este ano e que inclúen dende unha Denominación de Orixe vinícola ata unha marca de aceites e outra de bebidas espirituosas”.
PREZOS QUE SE MANTEÑEN MOI SIMILARES
Os restaurantes do Mes do Cocido decidiron, salvo casos puntuais xa que algún a suba é de un euro e outros hai baixada de ata 5, manter practicamente estables os prezos do prato de cocido completo que será no entorno dos 26 euros de media. Como queira que se engaden máis restaurantes á celebración, tamén se incrementará a capacidade de servizo para un só día que pasa das pouco menos de 3.500 persoas do ano anterior ata superar as 4.000 (4.074)deste ano no Mes do Cocido.
Por outra banda, o concelleiro tamén indica que para a edición XLVII Feira do Cocido tamén se rexistrou un incremento tanto no número como na recadación feitas cos patrocinadores do Mes do Cocido que concorreron a un concurso aberto realizado polo Concello de Lalín para a concreción deste apartado.
PATROCINADORES
EN 2015, serán 9 as empresas e entidades que fagan aportacións económicas, e algunhas de elas tamén en especie, á celebración da Feira do Cocido. Trátase da DO Monterrei, que seguirá a ser o viño oficial do Cocido, Espina y Delfín, Lalín Sostible, Embutidos Lalinense, Aceites Abril, Symatec, Vermutería de Galicia, GSI e Banco Sabadell. A recadación que aportarán estas nove firmas será de case 10.000 euros (9.550 euros).
O edil avanzou que, tal e como ocorre coa denominación de orixe Monterrei, as firmas Aceites Abril e Vermutería de Galicia, a través da marca comercial vermuth St. Petroni, farán unha campaña de promoción dos seus produtos coincidindo cas presentación da Feira do Cocido e tamén desenvolverán actividades promocionais en Lalín. O edil destacou que ao tempo ofrecerán os seus produtos en condicións vantaxosas para os clientes.
Rodríguez amosou a súa satisfacción “co resultado do concurso que incrementou en arredor de 2.000 euros a súa recadación do ano anterior e incrementou o número de empresas o que demostra o interesante que resulta para empresas do sector alimenticio ir aparelladas a un nome de prestixio como a Feira do Cocido”.











