Un total de 22 desempregados de Ames e Brión fórmanse nun obradoiro de mellora da natureza

Belén do Campo na visita ao obradoiro en Ames
Un total de 22 persoas desempregadas están a formarse no obradoiro de emprego de Ames e Brión, que supón un investimento por parte da Consellería de Traballo e Benestar de preto de 196.000 euros.
A directora xeral de Emprego e Formación, Ana María Díaz López, acompañada pola delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, visitou hoxe este obradoiro no que os participantes están a recibir unha preparación de calidade sobre conservación e mellora dos montes.
Neste obradoiro de emprego os alumnos e alumnas están a realizar, entre outras actuacións, a preservación dos ecosistemas da ribeira do Sar; o acondicionamento e sinalización da ruta de Piñeiro; a mellora do contorno de Riamonte; actividades silvícolas en Mercuto, Lapido, Saíme e Salaño; creación de faixas secundarias contra incendios en Mercuto; e a mellora das rutas de sendeirismo de Castro Lupario, Río Sar, Dos Ánxeles, Santa Minia, río Tambre e Brión.
Díaz destacou que, con este tipo de actuacións, a Xunta está a apostar por “unha formación certificada que mellore os currículums dos traballadores e traballadoras ao permitir a obtención dun certificado de proresionalidade”. Neste senso, a directora xeral lembrou que a práctica totalidade dos cursos de formación para persoas desempregadas que financia a Consellería en 2014 están vinculados á obtención dun destes certificados de profesionalidade. Desde 2009, máis de 36.000 traballadores e traballadoras obtiveron un certificado de profesionalidade en Galicia.
Así mesmo, resaltou que os obradoiros de emprego están directamente vinculados á realización de obras de interese para a comunidade, ao tempo que supoñen “un importe espazo de colaboración” entre os concellos e a Xunta.
Na actualidade, están en marcha en toda Galicia un total de 53 obradoiros de emprego que contan cun financiamento de 10,2 millóns de euros. Nestes programas mixtos de formación e emprego están a participar 1.300 galegos e galegas. Deste global, na provincia da Coruña puxéronse en marcha 17 obradoiros que contaron cun investimento de 3,3 millóns de euros. Neles están a tomar parte 370 alumnos e alumnas.
Por último, Díaz indicou que desde a Xunta se está a traballar cada día por mellorar a calidade de vida e benestar das persoas sen emprego e para incrementar as súas oportunidades de acceder a un posto laboral.











