Un prototipo de draga ecolóxica para a limpeza por succión de fondos mariños preséntase no Centro Tecnolóxico do Mar
Reducir os impactos ambientais dos traballos de dragado é un dos obxectivos do sistema deseñado e desenvolvido polos socios do proxecto ECODRAGA, unha iniciativa financiada polo Centro para el Desarrollo Tecnológico Industrial que agora remata coa celebración dunha xornada de presentación de resultados, prevista para o este mércores, 17 de decembro en Vigo.
Os detalles do proxecto e do prototipo de ECODRAGA daranse a coñecer a través de diferentes relatorios protagonizados polos socios deste proxecto, como son Canlemar S.L., Nodosa e o Centro de Investigaciones Submarinas-CIS. A iniciativa, en marcha dende 2012, contou ademais coa participación da Fundación CETMAR e das universidades de Vigo e A Coruña.
Os sistema de dragado ECODRAGA está pensado para depósitos finos contaminados que reduzan a produción de turbidez e a dispersión de contaminantes. Conta cunha cántara ecolóxica para o control do reborde da auga durante os traballos de extracción; cun sistema ecolóxico de vertido que permite a xestión dos materiais en función da súa caracterización, e cun cabezal de dragado ecolóxico que reduce a turbidez e aumenta a precisión nas tarefas de dragado.
A apertura da xornada final do proxecto ECODRAGA está prevista ás 9,30 horas e correrá a cargo do presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán Hermida, e da directora-xerente do Centro Tecnolóxico do Mar, Paloma Rueda Crespo. A continuación, Xulio Taboada e Rubén Rodríguez, da Fundación CETMAR, presentarán os detalles desta iniciativa.
Os representantes de Nodosa (Rafael Outeiral), Canlemar (Javier Vázquez) e CIS (Carlos Durán) falarán aos asistentes das modificacións estruturais do sistema ECODRAGA, da implementación do mesmo nas tarefas de dragado e das melloras ambientais que conleva.
A xornada proseguirá cun relatorio sobre a necesidade de revisar o regulamento de xestión do material dragado a cargo de José Luis Buceta, asesor técnico da División para la Protección del Mar del Ministerio de Agricultura, Medio Ambiente y Alimentación, mentres que José Sierra, representante de Puertos del Estado, falará da clasificación e xestión dos dragados.
O programa previsto concluirá cunha intervención a cargo de Pedro Urquijo, xefe de área de Infraestruturas de Portos de Galicia, quen disertará sobre o estudo de puntos de vertido de dragados en Galicia, e unha mesa redonda.A asistencia é libre e gratuíta previa inscrición na web de CETMAR, onde tamén é posible acceder ao programa.











