Un alumno do CEIP Raquel Camacho gaña o Concurso de Postais Do Nadal
O Concello da Coruña, a través da Concellaría de Educación que dirixe Francisco Mourelo, informa os gañadores da IV edición do Concurso de Postais de Nadal.
O primeiro premio foi para o alumno de 6º de Primarias do CEIP Raquel Camacho, Damián Domínguez Vázquez, pola súa postal A mañá de Reis. Esta será a felicitación oficial do Concello de Nadal. O segundo premio foi para Iago Beira Fenda, de 4º de primaria do CEIP Emilia Pardo Bazán, polo nadal necesita agasallos. Nesta cuarta edición participaron un total de 1.081 postais, creadas por escolares coruñeses desde os 3 aos 12 anos.
Por outra banda, continúa aberta a inscrición para o resto de concursos de temática do Nadal convocados pola Concellaría. Por unha banda, o Concurso de Monólogos cómicos en galego, que se celebrará o 17 de decembro no Teatro Rosalía Castro para alumnado de secundaria e FP, ten de prazo até o día 12 de decembro, a través de educacion@coruna.es, e as bases pódense consultar na web educativa municipal.
Ademais, o III Concurso Municipal de árbores e beléns Un Nadal Ecolóxico ten aberto a inscrición para os centros educativos da cidade até o día 12 en educacion@coruna.es.
Por último, o 18 de decembro o Teatro Colón acollerá a IV Representación de alumnos e alumnas do Conservatorio Profesional e Danza Un bosque encantado. Dirixida polo director do conservatorio, Luciano Gómez, conta con banda sonora de Milladoiro, The Chieftains, Mercedes Peón e Ismael Berdei. Haberá dúas sesións: unha matinal ás 12.00 horas, dirixida aos centros de educación infantil e primaria; e unha de tarde, aberta ao público, ás 20.30 horas. A entrada será gratuíta até completar aforamento e haberá unha mesa para donativos voluntarios dirixidos á Cociña Económica.











