Ultimado o traballo de recompilación documental sobre a Romaría do Corpiño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLalín
A-
A+

No día de onte reuníronse o concelleiro de Turismo, José Antonio Rodríguez Fernández; o reitor do Santuario da Nosa Señora do Corpiño e párroco de Santa Eulalia de Losón, José Criado; o cronista oficial de Lalín, Daniel González Alén, e a concelleira delegada de zona, Eva González Brea, xunto con persoal do departamento de Turismo para facer unha posta en común de todos os materiais recompilados sobre esta popular e concorrida Romaría lalinense que se remonta a varios séculos atrás e acabar de artellar o expediente administrativo necesario para a Declaración como Festa de Interese Turístico Galego A Declaración do Corpiño como Festa de Galicia de Interese Turístico sería un importante revulsivo para aproveitar o potencial turístico que xira ao redor deste Santuario Mariano, un dos máis coñecidos e concorridos de toda Galicia e mesmo fóra da nosa Comunidade, para dar coñecer aínda máis o Corpiño, a parroquia de Losón e o Concello de Lalín

Concello de Lalín e Reitoría do Santuario de Nosa Señora do Corpiño veñen de desenvolver unha última xuntanza para ultimar a preparación do expediente administrativo para solicitar que a Romaría do Corpiño sexa Festa de Galicia de Interese Turístico polas condicións que reúne como a súa singularidade, o seu arraigo e valor cultural, entre outras, requisitos todos eles contemplados na normativa que rexe ao respecto para este tipo de declaracións (Decreto 39/2011).

Así, no día de onte reuníronse o concelleiro de Turismo, José Antonio Rodríguez Fernández; o reitor do Santuario da Nosa Señora do Corpiño e párroco de Santa Eulalia de Losón, José Criado; o cronista oficial de Lalín, Daniel González Alén, e a concelleira delegada de zona, Eva González Brea, xunto con persoal do departamento de Turismo para facer unha posta en común de todos os materiais recompilados sobre esta popular e concorrida Romaría lalinense que se remonta a varios séculos atrás.

O edil de Turismo explica que “entre este material se atopan tres reportaxes solicitadas polo Concello á TVG e que lle entregamos ao cura párroco para conformar parte da documentación que formará parte do expediente”. Así mesmo destacou o traballo realizado por Daniel González Alén “que preparou un corpus con ao redor dunhas 50 reseñas bibliográficas sobre a Romaría, entre libros e outra documentación audiovisual”.

Entre os preto de cincuenta traballos sobre O Corpiño destacan, tal como expuxo o cronista oficial Daniel González Alén, ao redor dunha ducia de documentos audiovisuais e documentais entre os que figura un filme que data do 1972 titulado “Lejos de los árboles”, un documental en 8mm de 15 minutos de duración do ano 1973 titulado “O Corpiño” realizado por Equipa Lupa, un traballo de TVG de 1987 de 30 minutos titulado “O Corpiño”, un reportaxe de “Informe Semanal” de TVE cara 1988, unha reportaxe do Santuario realizada en 1991 pola Televisión Pública Alemania ou unha reportaxe en V Televisión, entre os máis recentes traballos.

No expediente tamén se dá conta de referencias de noticias en diferentes medios alusivas ao Santuario e as romarías que nel se celebran ao longo do ano; os máis antigos datan de 1920. Así mesmo se acompañan de referencias de diversos libros nos que se trata de xeito monográfico ou nos que se dedica un capítulo a esta afamada Romaría de Lalín.

Segundo comenta o propio González Alén xa hai referencias á existencia do Santuario a mediados do século XVII en documentos varios do Arquivo Histórico de Pontevedra e na propia Reitoría do Corpiño, tal como explica José Criado, que amosa unha película gravada en 8 mm que contén secuencias da Romaría e que foi doada por un veciño da parroquia, a quen tanto o sacerdote como a concelleira de zona, Eva González Brea, agradecen a súa colaboración.

“Deste xeito -explica Rodríguez Fernández- temos todo o que é o proceso de recompilación documental terminado polo que presentaremos ao Pleno do vindeiro mes de xaneiro unha proposta para a Declaración da Romaría do Corpiño como Festa de Galicia de Interese Turístico, requisito así establecido no Decreto da Xunta 39/2001 polo que se rexe este tipo de declaracións”.

AGRADECEMENTOS

José Antonio Rodríguez agradece a colaboración e o interese amosados por José Criado -destacou o edil delegado a acertada proposta realizada polo reitor do Santuario cando nola plantexou pois desde o primeiro momento entendemos que era positiva para todos e que contribuiría a un maior aproveitamento dos recursos e do potencial turístico do Santuario lalinense-, por González Alén -que preparou un dossier coas referencias bibliográfica sobre a Romaría- e por Eva González -concelleira de zona que participou en todas as reunións preparatorias do proceso- para poder ter articulado o expediente que se levará a Pleno.

Rodríguez Fernández subliña que a proposta, unha vez aprobada se remitirá á Xunta -o cura párroco coordinará a tramitación do expediente- que será a encargada de emitir a resolución definitiva; no caso de lograr este recoñecemento de Festa de Interese Turístico de Galicia a Romaría do Corpiño -os requisitos a priori cúmpreos- será un importante revulsivo para aproveitar o potencial turístico que xira ao redor do Santuario Mariano, un dos máis coñecidos e concorridos de toda Galicia e mesmo fóra da nosa Comunidade, e a dar a coñecer aínda máis O Corpiño, a parroquia de Losón e o municipio de Lalín.

19 de decembro de 2014 | 11:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.