publicidade hoxe

Trinta rapaces de Lousame participan no programa de conciliación Ludonadal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLousame
A-
A+
Ludonadal en Lousame

Ludonadal en Lousame

Unha trintena de nenos e nenas de Lousame, de entre 3 e 12 anos de idade, participan dende hoxe no Ludonadal 2014, un programa de conciliación da vida laboral e familiar posto en marcha polo Concello de Lousame para estas datas de vacacións escolares. Unha iniciativa de carácter totalmente gratuíto e que terá lugar na Casa da Cultura de Lousame os días 23, 26, 29 e 30 de decembro, en horario de 9:00 a 14:00 horas. Para participar só é preciso chamar á Casa da Cultura: 981 82 57 80.

O Ludonadal 2014 comezou esta mañá cun obradoiro de manualidades, animación e xogos nos que os pequenos e pequenas disfrutaron de moita música e dun obradoiro especial de globoflexia, que os permitiu disfrazarse para os seguintes xogos.

Pinterea

Para mañá venres 23 de decembro está previsto un Obradoiro de Interpretación da Pintura, denominado Pinterea, que será impartido polo pintor e educador Víctor Lens. A través de diversos xogos e dinámicas, os pequenos poderán interactuar cos cadros da exposición “Retrospectiva”, que actualmente están expostos na Casa da Cultura de Lousame. O obxectivo é que os rapaces aprendan as diferentes claves que expresa cada obra.

Esta sesión especial do Ludonadal 2014 está organizada pola Concellería de Cultura e Xuventude de Lousame, en colaboración con MyA Animación, a asociación cultural Toxos e Carrouchas e o grupo de voluntariado do Concello de Lousame.

Obradoiros

Para o venres 26 de decembro queda unha sesión de contacontos e un obradoiro no que os pequenos elaborarán os seus propios adornos de Nadal utilizando material de refugallo. E na última semana do ano, o luns 29 de decembro haberá unha nova sesión de animación, xogos e cinema; e o martes 30 de decembro outra de obradoiros, manualidades e xogos populares.

As familias interesadas en participar nun ou en varios destes obradoiros só teñen que anotarse na Casa da Cultura de Lousame ou chamando ao 981 82 57 80.

22 de decembro de 2014 | 19:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.