Tres persoas detidas polo homicidio dun xoven romanés en Boborás
A Garda Civil mantén detidos no calabozo, á espera de pasar a disposición xudicial, aos dous veciños de Cameixa, en Boborás, e o do Carballiño acusados do homicidio dun mozo romanés de 22 anos, cuxo corpo foi recuperado este fin de semana do encoro de Albarellos.
Segundo informou o Corpo, os detidos por este caso son B.P.V., de 23 anos, veciño do Carballiño; e O.E.L., de 25 anos, e E.L.F., de 36 anos, ambos os dous veciños de Cameixa, en Boborás, todos como presuntos autores do homicidio de Alexandru W.
O cadáver do mozo romanés, de 22 anos, foi recuperado do encoro de Albarellos este fin de semana, despois de que uns cazadores desen a voz de alarma ao avistar un corpo na auga. A pista da vítima perdérase o venres pola noite.
O domingo, a familia de Alexandru W. puido identificar o cadáver e a autopsia determinou posteriormente que o mozo sufrira unha morte violenta. A raíz das investigacións, a Garda Civil detivo na tarde deste luns a tres veciños da zona como presuntos autores da morte.
Segundo apuntou o delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva, a Garda Civil mantén abertas as investigacións e está a tratar de descubrir “as relacións” existentes “entre a vítima e os presuntos agresores”.