Trece persoas con discapacidade de COGAMI na Coruña beneficiáronse da terapia con cabalos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

Despois de asistir durante 20 horas repartidas en sesións de dúas horas durante as tardes dos luns nos meses de outubro, novembro e decembro, COGAMI (Confederación Galega de Persoas con Discapacidade) remata o curso de hipoterapia adaptada que impartiu nas instalacións da Real Sociedad Deportiva Hípica de A Coruña.

Un total de trece persoas con discapacidade, todas elas usuarias da oficina que COGAMI ten operativa en A Coruña, asistiron a estas clases de equitación adaptada e que organizou a entidade a través da colaboración do concello de A Coruña, por medio da convocatoria de subvención para a promoción e fomento do deporte.

A hipoterapia ou equinoterapia é un recurso terapéutico de crecente desenvolvemento, utilizado por médicos e psicoterapeutas como tratamento alternativo ás técnicas convencionais. Baséase en aspectos como a transmisión da calor corporal do cabalo á persoa, a transferencia de impulsos rítmicos e o movemento tridimensional.

A clase iniciaba cunha breve introdución ao manexo e coidado do cabalo para, posteriormente, realizar unha sesión de quecemento da musculatura e articulacións das persoas participantes, para preparalas para o exercicio sobre o cabalo. O tempo de traballo no cabalo foi variable e adaptado ás necesidades específicas de cada participante. As clases remataban coa realización de tarefas de coidado do cabalo, como alimentación e peiteado, e con exercicios de estiramento e relaxación.

Para realizar estas clases de equitación adaptada contamos con monitores/as cualificados e certificados ademais de persoal de apoio e acompañamento. Os cabalos escollidos para este exercicio foron especialmente adestrados, así como as instalacións estaban adaptadas ás persoas con mobilidade reducida ao igual que o transporte utilizado.

30 de decembro de 2014 | 13:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.