Traballo promove na Coruña a formación para acceder ao rexistro de coordinadores en materia de seguridade e saúde nas obras

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

A Consellería de Traballo e Benestar está a promover a formación necesaria para acceder ao Rexistro de Coordinadores en materia de seguridade e saúde nas obras de construción da Xunta. Así o destacou hoxe na Coruña a directora xeral de Traballo e Economía Social, Carmen Bouso, na clausura do acto de entrega de diplomas dun curso que nesta materia impartiu a Asociación Provincial de Empresarios da Construción da Coruña (Apecco) en colaboración co departamento autonómico. No mesmo acto, ademais, presentouse o libro de prevención ‘Glosario de termos de seguridade en construción’.

Bouso explicou que a finalidade deste rexistro da Xunta, que é de fácil acceso e de carácter voluntario, é dispor dunha listaxe de profesionais capacitados e cualificados para exercer a súa función como coordinadores en materia de seguridade e saúde nas obras de construción. Do que se trata, en definitiva, é de incentivar a cualificación dos profesionais que actúen como coordinadores nesta materia e de promover a formación neste eido.

O requisito principal para poder acceder ao rexistro é o de contar cunha formación preventiva especializada conforme a un programa formativo que estea avalado polo Instituto Nacional de Seguridade e Hixiene no Traballo, a través da súa Guía Técnica para a avaliación e prevención dos riscos relativos ás obras de construción.

Para poder realizar esta formación, a Xunta estableceu un procedemento de acreditación de entidades formativas que garantira non só o cumprimento deste plan, senón tamén un elevado nivel de calidade entre os docentes que impartiran os diferentes módulos do curso.

Unha das entidades acreditadas é a Asociación Provincial de Empresarios da Construción da Coruña (Apecco) que leva, en colaboración coa Consellería, realizando este tipo de cursos e, desta maneira, facilitando cada ano a incorporación de novos profesionais ao mercado laboral co grao de calidade adicional para o desenvolvemento da súa función.

15 de decembro de 2014 | 19:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.