Tono Campos e Ana Varela son recoñecidos como os mellores padexeiros de 2014
Tono Campos, do Breogán do Grove, e Ana Varela, do Kaiak Tudense, foron declarados como mellores padexeiros de 2014 pola Federación Galega de Piragüismo. Estes recoñecementos, xunto aos do resto de premiados da tempada e gañadores das ligas galegas e provinciais, seranlles entregados o vindeiro sábado na gala que terá lugar a partir das 18.30 horas no Teatro do Colexio Calvo Sotelo na Coruña.
Tono Campos completou unha magnífica campaña e demostrouno no Campionato do Mundo de Maratón en Oklahoma, no que logrou a medalla de ouro en C-1 e a de bronce en C-2. Ana Varela logrou clasificarse para o Mundial de Moscova, na que logrou o oitavo posto en K-4 500. Ambos tamén brillaron no Campionato de España de inverno, en Sevilla, e no de verán en Trasona (Asturias) ao imporse en varias regatas. Os seus obxectivos centraranse en lograr a clasificación para os Xogos Olímipicos de Río de Janeiro.
Rubén Millán foi declarado como mellor promesa maculina, unha categoría na que tamén se darán recoñecementos a Roi Rodríguez, Luís Fernández e Cristian Silva, todos eles con magníficos resultados en probas internacionais ao longo de 2014. O Kaiak Tudense foi o mellor club e Manuel Pedrares, tamén do mesmo equipo, como mellor adestrador.
O descenso do Río Sil foi a mellor regata, aínda que tamén se recoñece a proba de kaiak de mar disputada en Cambados. O premio ao mellor árbitro foi para José Fernando Paraje e o de traxectoria deportiva a Jesús Rodríguez León, do Fluvial de O Barco, un padexeiro especialista a nivel nacional en descenso de ríos. Uxue Dorado Molina, do Kaiak Foz, recibirá o premio á superación deportiva. A pesar da súa deficiencia visual logrou participar nunha regata e cumprir o seu soño. A Deputación de Pontevedra converteuse no mellor patrocinador e o Congreso de Catoira recibirá un premio especial polo seu carácter divulgativo. La Voz de Galicia foi declarado como o mellor medio de comunicación.











