publicidade hoxe

Terceira edición do Campionato Down de Galicia con 12 expertos baristas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDodro
A-
A+

O Pazo de Lestrove, en Dodro, acolleu durante a tarde de hoxe a terceira edición do Campionato Barista Down de Galicia, na que participaron doce baristas con síndrome de Down, divididos en dous equipos: o compostelán “Cafés Especiais”, integrado por Carlota Rodríguez, Carmen Romero, Jacobo Dopazo, Jacobo Otero, Javier Prieto e Marta López, e o vigués “Cafeteros”, conformado por Antonio Nores, Carlos González, Eloy Carrera, Julio Larrán, Miriam Rodríguez e Sofía Fernández.

A exhibición de hoxe foi a culminación dunha formación intensiva como baristas durante a pasada semana na Escola Cafento, con Víctor Couto, dúas veces Campeón Barista de Galicia, e Diego López, preparador do actual Campión Barista de España, o asturiano Adrián Fernández.

Cada equipo houbo de preparar dous cafés espressos, dous cappuccinos decorados coa técnica do latte art e dous cócteles de café sen alcohol ante xuíces baristas homologados polo Fórum Cultural do Café, que decidiron, que o equipo Cafés Especiais completou unha mellor actuación. Iso dá dereito ás e os composteláns a acceder a prácticas laborais en prestixiosos establecementos de hostalaría da súa cidade.

O certame galego, o decano de España dunha iniciativa que é pioneira no mundo, foi organizado pola Fundación Down Compostela, a asociación Down Vigo, a Asociación de Empresarios de Hostalaría de Santiago de Compostela e Bisbarra, Pousadas de Compostela e a empresa cafeteira Cafento, impulsora dos Campionatos Baristas Down.

21 de decembro de 2014 | 20:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.