Teo organiza un taller de aproveitamento de alimentos perecedeiros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaTeo
A-
A+

O Concello de Teo a través do Departamento de Benestar organizou un taller de aproveitamento de alimentos perecedeiros. O edil Ignacio Iglesias explica que “polas características da autoproducción alimentaria con excedentes de produción nun espazo de tempo pequeno e tamén pola propia dinámica de funcionamento dos repartos dos bancos de alimentos detectamos a necesidade de que as persoas coñezan técnicas para conservar os alimentos”.

Esta mañá realizouse un taller dirixido por Carmen Freire no que participaron quince persoas seleccionadas polos Servizos Sociais no que se fixeron sobre todo conservas de froitas e verduras. “Hai momentos nos que te podes atopar na casa cunha caixa de froita e verduras e trátase de evitar que estes alimentos se tiren ou se deterioren” explica o concelleiro. Deste xeito, nesta xornada práctica amosouse como se deben tratar os alimentos para que continúen en boas condicións durante meses.

Nun concello como Teo con moita zona rural na que moita xente aínda cultiva para autoconsumo este tipo de técnicas son moi positivas para as economías domésticas e garanten poder consumir produto caseiro durante meses. “Trátase en definitiva de optimizar os recursos dos que dispoñemos sen un custe engadido” indica Ignacio Iglesias.

Recollida de xoguetes

Pola súa banda Protección Civil de Teo, en colaboración con Benestar, vén de poñer en marcha un ano máis a campaña de recollida de xoguetes que se poden entregar ata o 20 de decembro nas mediatecas de Cacheiras e dos Tilos, na piscina municipal da Ramallosa, na escola infantil de Calo ou no Centro Sociocultural da Ramallosa. As doazóns deben facerse de xoguetes en bo estado. As familias que queiran recibir algún destes xoguetes teñen que poñerse en contacto cos Servizos Sociais, que son os que determinan os/as beneficiarios/as. En anos anteriores a resposta cidadá foi moi positiva.

3 de decembro de 2014 | 19:04 • Sen comentarios

Comentarios pechados.