Teatro do Miolo achega a Monforte unha obra musical para os máis cativos
A Casa da Cultura será o vindeiro día 29 de decembro o escenario de dúas a representacións teatrais dirixidas a nenos e nenas con idades entre os seis meses e os catro anos.
Teatro do Miolo representará ás 18:00 h e ás 19:00 h “Catro Tempos”, unha obra de trinta minutos de duración pensada para os máis pequenos da casa.
Cada unha destas sesións estará limitada á participación de 25 nenos/as acompañados cada un deles por un só adulto, motivo polo que a partir do venres día 26 estará aberta unha listaxe de inscrición na Casa da Cultura (o día 26 en horario de mañá e tarde e o día 29 só en horario matinal).
Catro Tempos é unha poética e divertida viaxe escénica a través das distintas estacións do ano. Un espectáculo pensado para os máis pequenos a través de elementos moi sinxelos para que participen nos grandes cambios e transformacións que se producen no inverno, outono, primavera e verán.
O elenco artístico responsable desta producción está formado por:
Manipulación…………………….. Guillerme Cancelo
Iluminación e son ……………. Guillermo Abraldes
Espazo escénico ……………… Teatro do Miolo
Coreografía ……………………… Nieves Neira
Banda Sonora …………………… Miguel Granero
Gravación e Edición dixital … Carmen Velayos
Produción Vídeo e Son ……… Granero Video
Deseño gráfico ………………… Diego Núñez
Produción ………………………… Guillerme Cancelo
Idea orixinal ……………………… Iria Acevedo
Teatro do Miolo nace como compañía no ano 2010. O seu impulso inicial está marcado pola creación de diversos proxectos teatrais, pola formación a través de obradoiros municipais de teatro e polo seu apoio na fundación de distintos grupos de teatro amadores na provincia de Lugo: Miolo&Cia, Hipócrita Teatro, Rebuldeira Teatro ou Os Trocos; agrupacións todas elas independentes e en actual funcionamento.
Ó longo de varios anos de experiencia formativa, máis dun milleiro de alumnos e alumnas de tódalas idades e condicións traballaron con distintos membros da compañía teatral. Na actualidade, Teatro do Miolo compaxina a formación coa creación de espectáculos profesionais para os máis pequenos, ó tempo que traballa en proxectos para un teatro crítico e social destinado a un público adulto.
Estas representacións, con entrada gratuíta, están patrocinadas pola Área de Benestar Social e Deporte da Vicepresidencia Primeira da Deputación de Lugo.











