Sebrala e Grifo apertan a clasificacion no Nadal de Aguete

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesMarínPontevedra
A-
A+

Do mesmo xeito que pasou fai dous sábados, houbo que esperar case unha hora para poder dar a saída á segunda etapa da XVI REGATA DE NADAL DE CRUCEIROS – TROFEO COMODORO MANUEL NORES que están a organizar na Ría de Pontevedra o Real Club de Mar de Aguete coa dirección técnica da empresa Desmarque SL, ata que se estableceu un vento do Norte que tivo de media 12 nós. Iso si, este sábado o día foi claro e asollado mentres que o anterior estivo incomodísimo baixo fortes chuvascos.

Como diciamos, aínda que a xornada estaba previsto que comezase ás 13:30 horas, até as 14:23 non se puido dar a saída, montando o Comité de Regatas un percorrido para os Cruceiros ORC de 9,34 millas saíndo desde a zona de Pelar fronte ao Real Club de Mar de Aguete para virar a continuación unha baliza de desmarque fondeada ao vento e pasando a continuación pola baliza de Morrazán no centro da Ría, o faro da Mourisca en Bueu e chegando novamente fronte ao Real Club de Mar de Aguete. Os Veteranos e Clásicos non chegaban até a Mourisca, senón que xa en Morrazán viraban para dirixirse á chegada, quedándolles a distancia entón en 5,07 millas. Boa saída do AGUIEIRA aínda que logo non soubo manter esa vantaxe inicial. E non tan boa para o YOUKOUNKOUN que saíu fóra de liña e houbo de retornar, perdendo xa toda opción xa que a regata logo foi moi rápida. Magnífico no primeiro desmarque o QUEN VAI aínda que logo cos rumbos abertos foi superado pola maioría da flota. Gran regata do SEBRALA que gañou en tempo real e compensado a todos os rivais, moitos deles teoricamente con embarcacións máis competitivas.

En ORC clase 1 gañou como diciamos, en tempo compensado o SEBRALA 2 (Bavaria 50 – Magin Froiz-RCN Sanxenxo), seguido a case 3 minutos polo NO A CELULOSAS (IMX 38-Juan Carlos Pérez-CN Combarro) e terceiro a 3:15 o AGUIEIRA (Sun Oddisey 40 – Tino Campelo – RCM Aguete).

Na Clase ORC2, sacouse a espiña da xornada anterior a GRIFO (first 27.7 – Francisco Freire-RCM Aguete), seguido a máis de tres minutos polo ENXUTO (First 310 – Pablo Conde – CN Combarro) e terceiro foi o VAGALUME (Beneteau 25 – Luís Vidal – RCN Sanxenxo) xa a máis de 7 minutos.

E en ORC 3, novamente intratable o CAMARÓN 20 (Yatlant 24 – Javier Pérez-CN Combarro) que sacou máis de 8 minutos ao FIRME (Golfiño 7,25 – Gonzalo Golmayo – Escola Naval) e 10:23 minutos ao FILISPÍN (Furia 302-Antonio Novo-CN Combarro) .

Por último, en Veteranos/Clásicos, gañou novamente moi ben o CASSANDRA (Hillary half ton-Javier Pazó-CN Portonovo) que sacou máis de 5 minutos ao COCO-DRILO II (Spirit 28-Andrés Froiz-CN Combarro) e un pouco máis 20 minutos ao NADA SEGUNDO (Puma 23 – Carlos Núñez – Societé Nautic Géneve).

Con estes resultados e a falta de soamente unha etapa, nalgunhas categorías as xerais apertáronse moitísimo. En ORC1 vai primeiro o NO A CELULOSAS con 3 puntos, seguido do SEBRALA con 5 e terceiros empatados a 6 puntyos o AGUIEIRA e YOUKOUNKOUN.

En ORC2 marcha primeiro o ENXUTO con 4 puntos, seguido do LIMAY con 5 e terceiros empatados a puntos, GRIFO e VAGALUME    con 6.

En ORC3 gana bastante claramente o CAMARON 20 con 2 puntos, seguido de O FILISPÍN con 5 puntos e SQUID con 7.

E por último, en Veteranos cana por agora tamén con superioridade o CASSANDRA con 2 puntos, seguido do COCO DRILO con 4 puntos e terceiro o NADA SEGUNDO con 6.

Agora a esperar un descanso esta próxima ponte da Constitución para celebrar a terceira e última etapa o vindeiro sábado día 13 con saída prevista ás 13:30 horas e entrega de premios ese mesmo día pola noite no transcurso da tradicional cea que acompaña sempre a esta regata.

2 de decembro de 2014 | 10:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.