“Saúdes Private Hospital” chega a escena no Centro Cultural Xaime Illa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioPoio
A-
A+

O vindeiro venres 26 de decembro ás 21 h da man da SCD Raxó chega ao escenario do Centro Cultural Xaime Illa a obra “Saúdes Private Hospital”, do grupo Armadiña Teatro de Combarro. Con guión e dirección a cargo de Miquel Condal, actor de Pinga Teatro, retrata de forma cómica vivencias e problemas cotiás. A modo de farsa ridiculiza e esaxera situacións sufridas por todos na sanidade e na vida en xeral.

Con esta obra finalizará o ciclo PoioEscena 2014, organizado polas asociacións SCD Raxó, SCD Samieira e ACDeM Combarro e pola concellaría de Cultura do Concello de Poio, que puxo en escena 12 representacións, unha ao mes, na Comunidade de Montes de Combarro, na Comunidade de Montes de Río de Bois – Samieira, e no Centro Cultural Xaime Illa de Raxó.

Este venres, ademais da obra programada para decembro, (prezo da entrada en taquilla: 2 €. (Soci@s 1€) / Entrada Anticipada: 1 €. (Soci@s 50 cent.), celebrarase a festa de clausura do ciclo PoioEscena 2014, cunha invitada moi especial que fará un repaso do transcurso do ciclo neste ano, música, humor e moita diversión para todos os asistentes.

Na primeira quincena de xaneiro, os coorganizadores presentarán as novidades que incluirá o ciclo 2015, así como a programación do primeiro semestre, no que será a 3ª edición con este formato anual, e que cada ano suma maior número de asistentes cun promedio que supera as cen persoas por obra. No inicio do ciclo do vindeiro ano, darase tamén a coñecer o Recoñecemento do Público ao grupo de teatro mellor valorado polos espectadores neste ano 2014.

23 de decembro de 2014 | 19:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.