Santiago Futsal A Gaiola viviu en Portugal a súa primeira internacional profesional
O pasado domingo 14 de Decembro disputouse en Condeixa A Nova (Coimbra) o 1º Torneo Internacional de fútbol sala “Acreditar no Futsal”, un torneo solidario organizado pola Asociación Acreditar de Pais e Amigos de nenos con cancro. As xogadoras do Santiago Futsal A Gaiola participaron no torneo, e xogaron un triangular co Benfica e unha Selección Local.
O Torneo Internacional de fútbol sala “Acreditar no Futsal” gozou dunha magnífica organización, no que a convivencia dos equipos foi excelente e todos demostraron o compromiso co obxectivo do torneo, apoiar á Asociación Acreditar de Pais e Amigos de nenos con cancro. O ambiente de grupo e a confraternidade entre os equipos participantes foi clave para o goce dun torneo solidario ao que o Santiago Futsal A Gaiola agradeceu a participación, sobre todo polo interese de colaborar en causas solidarias como a do torneo.
As xogadoras do Santiago Futsal A Gaiola disputaron o primeiro encontro do Torneo fronte ao Benfica, primeiro clasificado da liga Nacional portuguesa e que conta nas súas filas con xogadoras internacionais da talla de Rita Martins, co que perderon 2-1 a falta de 10 segundos. As xogadoras de Santiago demostraron enteireza e capacidade de superación no encontro contra un dos mellores equipos femininos de Europa. No segundo partido do Torneo, e tras o desgaste físico realizado no partido anterior, Santiago Futsal A Gaiola cedeu ante a Selección Local Portuguesa 1-7.
O equipo Santiago Futsal A Gaiola gozou da experiencia como grupo e como equipo, vivindo, en Portugal, a súa primeira experiencia internacional.











