Santi Valladares: “É un derbi e non importa que posición ocupes na clasificación”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesSantiago de Compostela
A-
A+

A 13ª xornada chega a Santiago co segundo derbi da tempada para o conxunto dirixido por Santi Valladares. Despois do derbi contra Prone Lugo (1-2), mañá chega o duelo galego fronte a Burela Pescados Rubén. O encontro celebrarase no Pavillón de Santa Isabel ás 13h e será televisado en directo a través das cámaras de Teledeporte de TVE.

Os dous conxuntos chegan a este encontro en situacións moi diferentes. Os de Juanlu Alonso son 8º na clasificación, con 19 puntos, posición que lles daría dereito a xogar a Copa de España 2015. Os mariñaos encadearon un refacho de 5 vitorias, pero no encontro da semana pasada caeron fronte a Xaén Paraíso Interior (1-2).

Pola súa banda, o persoal o Santiago Futsal suma un total de 6 partidos sen gañar, sumando só un punto na súa visita a Jumilla na 10ª xornada (2-2). A vitoria de mañá será clave para afastarse dos postos de perigo, xa que agora ocupa a 12ª posición da táboa, igualado a punto con Montesinos Jumilla e D-Link Zaragoza, só un punto por encima da penúltima posición.

Santiagueses e mariñaos só se viron as caras en dúas ocasións en Liga. Nos partidos que ambos os conxuntos disputaron no Multiusos Fontes do Sar, Burela Pescados Rubén conseguiu a vitoria na tempada 12/13 por 1-2, e a tempada pasada o encontro saldouse co empate 1-1.

Santi Valladares chega a este encontro con dúas baixas seguras no seu persoal; Lucho, que segue co proceso de recuperación da lesión de xeonllo que sufriu a semana pasada, e Lucas Bolo, que comezou a exercitarse co grupo no día de onte e non chegará ao encontro de mañá.

Sala de prensa

Santi Valladares compareceu esta mañá ante os medios en rolda de prensa, previa ao encontro de mañá fronte a Burela Pescados Rubén. O adestrador do conxunto de Santiago analizou o encontro de mañá centrándose na importancia de conseguir mañá os 3 puntos “Nós temos que dar a talla, como a demos en Jumilla. Se o facemos, o partido ten que quedar aquí, porque o equipo competiu a un altísimo nivel. E o que temos que ter tamén é acerto na finalización. Burela Pescados Rubén vai vir coas uñas afiadas. É un derbi e non importa que posición ocupes na clasificación.”

En canto ao seu rival, o técnico destacou o cambio en canto á tempada pasada e o refacho de vitorias que encadearon até a xornada pasada “Eles gañaron 5 partidos seguidos e están aí arriba. Teñen un equipo máis compensado en todas as súas liñas debido ás fichaxes que fixeron. Iago está nun momento moi bo, e xogadores como Helder e Carlitos que están a ter minutos están a facelo moi ben”.

O técnico destacou tamén o obxectivo principal dos seus que é afastarse dos postos de perigo “Nós temos que volver encher ese colchón que tiñamos coas últimas posicións, e afastarnos todo o posible das postos baixos sendo moi competitivos e sendo máis intensos na finalización, porque estamos a xerar ocasións e non as estamos metendo. Temos que ser máis contundentes nesa faceta para conseguir sumar puntos de aquí á segunda volta.”

5 de decembro de 2014 | 16:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.