Santi Valladares: “A nosa prioridade é puntuar e seguir con dous equipos por baixo”
O técnico do Santiago Futsal, Santi Valladares compareceu esta mañá en rolda de prensa previa ao encontro da 14ª xornada de liga, na que os de Santiago viaxan a Peñíscola para medirse aos CFS Peñíscola o sábado ás 18h.
Tras a derrota o pasado martes ante Inter Movistar nos cuartos de final de Copa do Rei, o conxunto santiagués xa cambiou a mentalidade e agora céntrase na salvación en Liga “O gol págase, e vímolo o outro día contra Inter. Temos que traballar a finalización e non fallar as contras de 1×1 contra o porteiro, nin as de 2×1 porque ao final pagámolo. A finalización é o noso cabalo de batalla esta tempada e se melloramos ese aspecto poderemos sacar puntos que noutros partidos escapáronsenos para afastarnos aínda máis da zona baixa”.
Santi Valladares analizou tamén ao seu rival, uns CFS Peñíscola que ocupa a 6ª posición da clasificación, postos que lle darían acceso a xogar a Copa de España “Peñíscola xógase clasificarse para a Copa de España, e esa presión de querer clasificarse pode suporlles unha maior presión.” O técnico galego tamén destacou a importancia que para o rival ten xogar en casa “En casa son un equipo perigoso, todos os puntos sácao e foi capaz de gañarlle ao FC Barcelona.”
En canto ao perfil de xogo do seu rival, Valladares dixo “Renováronse moi ben esta tempada, con xogadores novos pero con experiencia, ben formados e cun bo adestrador. En ataque teñen 2 pivotes moi bos, un destro e outro zurdo, Juanqui e Solano, que son moi corpulentos e con moita calidade. Pero tamén teñen xogadores de 1×1 como Javi Alonso e Ureña. Teñen un equipo moi compensado en todas as súas liñas e que case non nota os cambios. O feito de estar aí arriba na clasificación non é casualidade. Xunto con Xaén, serían o equipo revelación da tempada.”
O técnico do Santiago Futsal concluíu que “A liña do equipo ten que seguir esta pauta, cunha defensa sólida e facer partidos de marcadores baixos, porque na faceta goleadora estamos escasos. O equipo mellorou moito con balón, e os xogadores están a progresar moitísimo. Temos que salvar a categoría pero sendo ambiciosos, conseguindo puntos na segunda volta que na primeira escapáronsenos. Agora mesma nosa prioridade é puntuar e seguir con dous equipos por baixo”.











