San Sadurniño pretende converter o campo de fútbol de Corrás nunha cancha de herba artificial

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

San Sadurniño iniciou xa o proxecto para cambiar a herba artificial o campo de fútbol municipal de Corrás. Suporá un investimento de arredor de 300.000 euros que permitirán reducir á metade os custes de mantemento e ampliar as posibilidades de uso do recinto. Nos últimos catro anos houbo contactos coa Deputación para que se implicase na idea e en 2013 mesmo se lle entregou unha memoria valorada que, se todo vai ben, se fará realidade en 2015. O organismo provincial xa lle comunicou oficialmente ao Concello a reserva de fondos para as obras que previsiblemente se executarán durante o verán. 

As obras responden á necesidade de optimizar o uso do campo municipal, onde actualmente xogan o C.F. San Sadurniño e 120 rapaces e rapazas das escolas deportivas. Unha carga demasiado intensa para unha cancha de herba que case non se dá recuperado durante o inverno a pesar dos esforzos por mantela en perfectas condicións. De feito, os adestramentos de todos os equipos trasládanse ao campo de Santa Mariña do Monte, tamén de titulariedade municipal.

O cambio a herba artificial permitirá, polo tanto, usar o o campo de Corrás tanto para os partidos como para a preparación do equipo sénior e dos de base. Ademais tamén abriría a posibilidade de que formacións como a UDC Narahío empregasen as instalacións municipais en vez de ter que alugalas en Ferrol ou A Capela, onde xa existen campos deste tipo.

Outra das razóns para acometer a obra é a previsión de aforro nos gastos de mantemento. Na actualidade son arredor de 10.000 euros que, co paso a superficie artificial, quedarían reducidos a menos da metade.

Porén, para aforrar primeiro hai que investir e este tipo de obra non é barata. Cómpre facer movementos de terra, nivelar o terreo, colocar sistemas de drenaxe e por último alfombrar o campo con rolos de céspede sintético que pode ir mesturado con area ou con caucho para reproducir o comportamento dunha superficie natural. 

O anteproxecto presentado en abril do ano pasado cifraba a licitación -xa co ive- en 340.224 euros. Unha contía que seguramente sexa inferior tan pronto como se saquen a contratación os traballos. A Deputación da Coruña xa reservou unha partida para cubrir o cen por cen do investimento e só quedaría pendente a sinatura do correspondente convenio co Concello. 

Os prazos que se manexan apuntan a que o proceso se podería completar na primeira metade de 2015 e que as obras se executen durante o verán. Segundo indica o titular de Facenda, Suso Soto, “o obxectivo é que os traballos estean rematados en setembro cadrando co comezo da temporada”. Pola súa banda Secundino García explicou que “o proxecto está listo e agardamos que en breve a Deputación concrete a data de sinatura do convenio”. O alcalde sinalou, ademais, que o investimento “vai recollido na proposta de orzamentos municipais que levaremos ao pleno o próximo xoves”.

12 de decembro de 2014 | 18:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.