San Sadurniño leva este xoves a pleno os orzamentos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

O Concello ten convocado para o xoves 18 a partir das 19.30h. un pleno extraordinario con catro puntos no que o protagonista indiscutible será o último, relativo á aprobación inicial dos orzamentos municipais para o ano que vén. Porén, na sesión tamén se falará do acordo alcanzado hai tan só uns días con Moeche para facer o deslinde entrambos concellos tras case corenta anos de conflitos.

A sesión arrancará coa aprobación da acta anterior e coa proposta de crear un ficheiro automatizado referente ás matrículas da Escola Infantil Municipa,l tal e como esixe a Lei de Protección de Datos. Son dous asuntos de trámite que lle darán paso ao da localización dos fitos 7 e 8 da liña limite entre San Sadurniño e Moeche. Trátase da exposición e aprobación -se procede- do acordo alcanzado pola comisión encargada de deixar definidos os límites municipais na zona da Corveira. 

A comisión mixta -formada por técnicos, políticos e veciños- logrou tras un intenso traballo de campo e varias reunións establecer por onde discorren os límites municipais nese punto, corrixindo desta maneira numerosas imprecisións xeradas durante a primeira metade do século XX que a mediados dos 70 desembocarían nun conflito legal con varios episodios ata a actualidade.

O último punto da orde do día será, se cadra, o que ocupe a maior parte do pleno xa que nel se inclúen as contas municipais para o ano que vén. O grupo de goberno adiantou na última xuntanza do Consello de Participación Veciñal as liñas mestras dun orzamento que se situará nos 2.8 millóns de euros, un 10 por cento máis que en 2014. Destaca a suba do apartado de investimentos e o incremento da partida para transferencias correntes, motivado polo aumento do apartado de axudas para entidades e para servizos de conciliación. O crecemento do orzamento non suporá, sen embargo, a suba das taxas ou dos impostos, que se manterán en cifras semellantes a anos anteriores e mesmo con rebaixas dun 50 por cento en certos servizos municipais debido á entrada en vigor do Carné Xove.

15 de decembro de 2014 | 13:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.