San Sadurniño inicia a programación de Nadal
O mago Benxamín continúa a súa minixira por San Sadurniño e esta mañá a partir das 12 recala na Casa da Cultura para ofrecerlle o seu espectáculo ao alumnado do CPI. O Concello inicia deste xeito a programación do Nadal, que se extenderá ata a véspera de Reis con música, deporte, teatro e obradoiros. Son unha ducia de actividades entre as que destacan a visita do Apalpador -que pasará o venres por San Sadurniño e sábado por Naraío- ou o encontro solidario programado para a tarde do domingo.
A chegada do mítico Apalpador producirase o venres 19 no transcurso da festa infantil de Nadal organizada polo Concello para os nenos e nenas menores de 12 anos. Non virá só, senón que seguramente o acompañe a súa irmá, a Apalpadora. A asociación Artelladas colabora co departamento de Cultura no desenvolvemento desta actividade que comezará a iso das 17 horase que se prolongará ata as oito do serán. Neste tempo a cativería participará nun obradoiro de circo, en xogos cooperativos e tamén terá música. Ademais, os irmáns Apalpador tamén lles traerán algún agasallo.
Para participar na actividade haberá que entregar na Casa da Cultura a ficha de inscrición que se pode descargar nas ligazóns que hai ao pé desta nova. Unha vez iniciada a festa as persoas maiores deberán abandonar o recinto.
Pola súa banda, a Asociación de Veciños O Castelo de Naraío tamén organiza o seu Nadal na lareira o sábado 20 a partir das 18 h. No local social da Veiga actuará o multipremiado pallaso e malabarista Peter Punk. Ao remate o Apalpador tamén pasará polo lugar para tomar un chocolate ben quentiño coa rapazada. A actividade está aberta a persoas socias e non socias da entidade.
O domingo 21 a Casa da Cultura acollerá a partir das 19.30 horas a obra Contos de Lobo da compañía Os Ghazafelhos. Pepablo Patinho e Montse Piñón subirán ao escenario como contadores de historias de lobos. Porén, pouco a pouco descubriremos que son algo máis: malabaristas, artistas da maixia, acróbatas e humoristas postos ao servizo dun espectáculo orientado á participación de toda a familia e, especialmente, dos nenos e nenas de 3 a 10 anos. A entrada é gratuíta ata completar o aforo.
Nadal deportivo e solidario
Xusto antes do teatro do domingo 21, o Pavillón Municipal será escenario a partir das 17 h. dun partido solidario que enfrontará a pais e nais contra fillos e fillas xogando a voleibol e fútbol sala. As inscricións deben formalizarse este venres como moi tarde e, ademais, cada persoa deberá doar un ou máis alimentos que despois se distribuirán entre as persoas con menos recursos do municipio. O obxectivo é recoller a maior cantidade posible de aceite, arroz, azucre, galletas, fariña, legumes, pasta, cereais, conservas… e calquera produto non perecedeiro ou de primeira necesidade, como poden ser artigos de limpeza e hixiene persoal, cueiros, etc. Nesta proposta colaboran, de novo, o CF San Sadurniño e o Aldebarán.
Pero a actividade deportiva non para aí. Na semana central do Nadal -os días 22, 23 e 26- o Concello preparou unha oferta lúdica centrada no deporte na que poderán participar os nenos e nenas entre 7 e 12 anos. Cada un deberá inscribirse nun mínimo de catro actividades de acordo coas seguintes posibilidades que ofrece o Nadal deportivo:
-Luns 22: de 10.30 a 12 h., bicicleta e de 12 a 13.30 h., baile moderno.
-Martes 23: de 10.30 a 12 h., fútbol sala e de 12 a 13.30 h., voleibol.
-Venres 26: de 10.30 a 12 h., patinaxe-hóckey e de 12 a 13.30 h., tenis.
Todas as actividades terán lugar no pavillón municipal e as inscricións haberá que facelas o 19 de decembro como moi tarde na casa da Cultura. O Concello conta coa colaboración do Aldebarán de volei, o CF. San Sadurniño, a Asociación Brío e do Clube MTB Biela e Chaveta.
Máis maxia e obradoiros
A programación das festas continúa o sábado 27 de decembro coa derradeira actuación doMago Benxamín no noso concello. Ese día trasladarase ao local social de Bardaos para repasar os seus sorprendentes números nos que combina trucos tradicionais e modernos, moitos deles de creación propia. O espectáculo comezará ás 19.30h.
Pasada a Noitevella e o Aninovo retomaranse as actividades cun obradoiro de aperitivos no que o protagonismo volverá ser para os nenos e nenas de entre 5 e 12 anos. Aproveitando o tirón que ten a cociña entre a cativería, o Concello preparou unha actividade na que se lles mostrarán algúns trucos para elaborar sinxelos aperitivos que non requiren cazolear no lume nin tampouco andar con coitelos afiados, xa que empregarán materia prima doada de manipular e, sobre todo, moita imaxinación. O obradoiro de Aperitivos infantís está programado para o venres 2 de xaneiro entre as 11 e as 13 horas na Casa da Cultura. Ofrécense 20 prazas e a inscrición -que é gratuíta- poderá facerse ata o día 31 de decembro chamando ao 981 490 027 (ext 3) ou ao móbil 616 332 919. As prazas cubriranse por orde de inscrición e as familias deberán comunicar no momento de facela calquera tipo de intolerancia ou alerxia alimentaria.
Por outra banda, o sábado 3 de xaneiro, o departamento de Educación e Igualdade organiza un obradoiro especial do seu programa Tempos para compartir, dirixido desta vez a nenos e nenas con idades comprendidas entre os 6 e os 14 anos. Será na Casa da Cultura a partir das 16.30h. e nel a rapazada aprenderá con Cruz Piñón a facer bonecas de goma eva. Hai que apuntarse chamando ao 981 490 027 (ext.1) antes do 26 de decembro, xa que só hai 12 prazas dispoñibles.
Recepción dos Magos de Oriente
Por máis que os agasallos cheguen aos poucos ao longo das festas do Nadal, a noite máis máxica para a xente miúda é sen dúbida a do 5 de xaneiro. Na tardiña dese día os Magos do Oriente farán parada na Casa da Cultura para recoller cartas escritas a última hora e para volver confirmar as peticións de quen as mandaron con tempo de adianto suficiente. Ademais, entre as 17.30 e as 19h. os nenos e nenas gozarán dunha festa con xogos, música e obradoiros.
A chegada dos Reis está prevista para pouco despois das sete da tarde. A súa axenda é moi apretada e por iso escoitarán os desexos infantís durante aproximadamente unha hora para despois retomar a súa ruta nocturna con parada obrigada en todas as casas.
Toda a axenda de actividades para os próximos días e outra información interesante de servizo público poden consultarse no boletín especial Novas, dispoñible xa para descarga en pdf, e irase actualizando no perfil en facebook do Concello.











