San Sadurniño incrementará a partida de axudas para entidades

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

O Consello de Participación Veciñal reuniuse no serán deste mércores para abordar varios puntos que lles afectan directamente ás asociacións do municipio. Entre eles as previsións de subvencións para o ano que entra e as bases que as van regular. O Concello presentou unha proposta que contempla aumentar os fondos en 1.500 euros, así como o incremento da porcentaxe xustificable en concepto de investimentos en materiais e infraestruturas, que pasa do 13 ao 25 por cento do total da axuda concedida. Por outra banda, a sesión serviu para coñecer o avance dos orzamentos municipais que, se non hai cambios, irán a pleno dentro dunha semana.

Segundo explicou o titular de Facenda, Suso Soto, as contas para 2015 rondarán os 2.800.000 euros, o que supón unha suba dun 10 por cento con respecto ás deste ano. O Concello non subirá as taxas e impostos e o aumento orzamentario reside principalmente no apartado de investimentos, que se situará nos 900.000 euros, 300.000 máis que no exercicio actual. No seu repaso, Soto tamén adiantou que se incrementa o apartado de transferencias correntes, co que se prevé abrir unha liña de axudas para familias usuarias da escola infantil e tamén aumentar a partida para entidades sen fins de lucro.

Os convenios nominativos suscritos con clubes e outras entidades -como por exemplo o C.F. San Sadurniño, o Aldebarán ou a ANPA do CPI- quedan igual que este ano. Porén, no caso da convocatoria de axudas os fondos chegarán en 2015 aos 13.000 euros. A suba permitirá manter as contías que viñan percibindo as asociacións nun escenario con dúas entidades máis de nova creación. A este respecto o concelleiro de Cultura, Manolo Varela, tamén sinalou que as bases se modificarán para recoller que as asociacións poidan xustificar as axudas destinando ata un 25 por cento a investimentos en materiais e infraestruturas. Unha porcentaxe que ata agora estaba limitada ao 13 por cento do total subvencionable.

Na xuntanza do Consello de Participación Veciñal -á que asistiron a maioría de entidades do concello e os tres partidos con representación municipal- tamén se deu conta do resultado do proceso do orzamento participativo. Manolo Varela explicou que as propostas formuladas nas asembleas se publicarán en breve na páxina web municipal e lembrou que grande parte dos investimentos solicitados pola veciñanza xa se incorporaron a programas como o POS ou o plan de infraestruturas do AGADER. Quedarían pendentes algunhas peticións que, de ser asumibles polo Concello, se executarían con cargo a liñas doutras administracións que poidan xurdir ao longo do ano que vén. 

No tocante á participación, tanto Varela como o alcalde reflexionaron sobre a necesidade de lograr maior implicación veciñal no proceso, sobre todo da xente nova. Algo compartido tamén polo tecido asociativo onde algunhas directivas están acusando xa a falla de relevo xeracional para continuar coas súas actividades. Por último grande parte do apartado de rogos e preguntas estivo centrado no debate sobre os xeitos de atallar os efectos da actividade madeireira na rede viaria municipal e sobre como fomentar a colaboración entre as entidades das distintas parroquias.

11 de decembro de 2014 | 19:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.