San Sadurniño destinará a proxectos de mellora da rede viaria uns 270.000 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

O Concello xa ten avanzados os proxectos de mellora da pistas municipais que vai acometer en 2015. O investimento total aproxímase aos 270.000 euros que irán parar a asfaltados, rebacheos e limpezas de cunetas de 12,5 quilómetros do territorio distribuídos por todas as parroquias. Porén, a cifra de investimentos e as distancias reparadas seguramente sexan aínda maiores grazas a convocatorias extraordinarias de axudas para infraestruturas promovidas polas distintas administracións. A aprobación dos proxectos de mellora da rede viaria para 2015 cadra no tempo coa finalización dunha das obras de maior envergadura deste ano: o aglomerado da estrada O Chao-A Bidueda, no que se investiron 149.000 euros.

Da obra encargouse a empresa Saavedra y López, que leva varias semanas traballando nunha vía á que agora só lle faltan a sinalización horizontal e vertical. Son 3,4 quilómetros de trazado que levan un firme de 4,5 metros de ancho moito máis resistente que o asfalto convencional pero tamén moito máis caro. Á hora de adxudicar as obras puntuouse especialmente o espesor da capa de rodadura co obxectivo de que o acabado fose o mellor posible e de que a pista quedase lista para varios anos.

O amaño da estrada entre o Chao e a Bidueda foi unha demanda que xurdiu nas xuntanzas dos orzamentos participativos xa que se trata dun dos principais eixos de comunicación entre as parroquias de Naraío e Igrexafeita co centro urbano. 

Porén, San Sadurniño xa ten a punto a planificación de obras viarias para o próximo exercicio. Recentemente o pleno deulle o visto e prace ás obras do POS, cifradas en 138.000 euros. O Concello preparou tres grandes proxectos que, en conxunto, supoñen o arranxo de case 6 quilómetros de pistas municipais. O primeiro deles ocuparase das pistas da Leiriña a Santiso e da do Xestal, en Ferreira, así como da do Vilar en Igrexafeita. O segundo proxecto, tamén para asfaltados, recolle a pista desde Castrelo ata A Veiga e o camiño da Escoitadoira, en Santa Mariña do Monte. O terceiro documento establece as obras de mellora da pista entre Soutocalvo e A Vila -Ferreira-, a das Paredes no Camiño Arriba, a do Cancelo -Lamas- e o camiño de Corrás en San Sadurniño.

Porén, estas non serán as únicas obras de acondicionamento da rede viaria que se acometerán no próximo ano, xa que o Concello tamén ten definidos os proxectos que se acollerán ao Plan Marco de Mellora de Camiños Municipais 2014-2015 sufragado con fondos procedentes da Unión Europea. Investiranse 131.700 euros na reparación doutros 6.5 quilómetros de pistas. Serán sete: entre Castrelo e A Pereira (Santa Mariña do Monte), da Veiga ao Castro e entre A Seara e Randulfe (Bardaos), o camiño de Portolamas (O Camiño Arriba), o dos Pantís (Lamas), entre Raña e A Gándara (San Sadurniño-Ferreira) e de Fontao ao Piñeiro, en Naraío.

Toda esta programación de obras responde na maior parte dos casos a peticións formuladas nas xuntanzas do orzamento participativo celebradas o mes pasado, pero tamén a criterios de urxencia e viabilidade. Por outra banda, desde o Goberno Local tamén se indica que os proxectos se deseñaron “buscando que beneficien o maior número de persoas posible e procurando manter o equilibrio territorial dos investimentos”, tal e como asegurou o alcalde, Secundino García.

5 de decembro de 2014 | 17:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.