San Sadurniño continúa coa programación de Nadal
A programación de Nadal botou a andar esta fin de semana en San Sadurniño. O venres os nenos e nenas participaron en obradoiros e recibiron a visita dun dos axudantes do Apalpador, o domingo tiveron teatro e un partido solidario contra dos pais e nais no que se recolleron 30 quilos de alimentos e outros produtos. Porén, durante os próximos días seguen as actividades. Hoxe mesmo comezou o Nadal deportivo, unha proposta a medio camiño entre a conciliación e o lecer.
A primeira sesión centrouse en dous deportes: a bicicleta e o baile moderno, que se desenvolveu no pavillón municipal. Neste último obradoiro participaron sete nenos e nenas que aprenderon sinxelos movementos cos que expresarse ao ritmo da música. Mañá martes tocaralle ao fútbol sala e ao volei, mentres que o venres a rapazada poderá practicar patinaxe-hóckey e tenis. Todas estas actividades -organizadas en colaboración cos clubes locais- desenvólvense entre as 10.30 e as 13.30 dedicándolle hora e media a cada deporte.
A programación das festas continuará o sábado 27 en Bardaos, onde actuará por última vez o Mago Benxamín, que xa leva percorridos varios locais sociais do municipio. Alí volverá mostrar os seus sorprendentes números nos que combina trucos tradicionais e modernos, moitos deles de creación propia. O espectáculo comezará ás 19.30h.
Obradoiro de aperitivos
A seguinte data do calendario das festas está fixada para o venres 2 de xaneiro cun obradoiro de aperitivos destinado a nenos e nenas de entre 5 e 12 anos. Entre as 11 e as 13.30 a cativería aprenderá a elaborar petiscos sorprendentes e moi sans, emulando as habilidades culinarias de pequenos e grandes chefs coma os que saen na televisión.
Ofrécense 20 prazas e a inscrición -que é gratuíta- hai que facela antes do día 31 de decembro chamando ao 981 490 027 (ext 3) ou ao móbil 616 332 919. As prazas cubriranse por orde de inscrición e as familias deberán comunicar no momento de facela calquera tipo de intolerancia ou alerxia alimentaria.
Ao día seguinte, o sábado 3 de xaneiro, o departamento de Educación e Igualdade tamén organiza un obradoiro especial do seu programa Tempos para compartir, dirixido desta vez a nenos e nenas con idades comprendidas entre os 6 e os 14 anos. Será na Casa da Cultura a partir das 16.30h. e nel Cruz Piñón ensinará a facer bonecas de goma eva. Hai que apuntarse chamando ao 981 490 027 (ext.1) antes do 26 de decembro, xa que só hai 12 prazas dispoñibles.











