San Sadurniño comeza a probar a cita previa nos Servizos Sociais
Os Servizos Sociais municipais están suxeríndolles desde hai uns días aos usuarios e usuarias que chamen ao 981 490 027 (ext. 1) para concertar cita previa e aforrarlles desta maneira esperas innecesarias. O novo sistema estase combinando polo momento coa atención sen solicitude, pero a partir de xaneiro para solventar as cuestións máis habituais será necesario chamar antes para que nos dean unha hora concreta que se axuste ás nosas necesidades e tamén ás do servizo.
O obxectivo principal da cita previa telefónica é conseguir un mellor funcionamento dos Servizos Sociais municipais. Cada día o departamento atende unha media de entre 12 e 15 persoas con casos moi distintos e con asuntos para tratar que unhas veces se resolven en poucos minutos pero que noutras requiren máis tempo de análise. Ademais, o servizo tamén ten que compatibilizar a atención ao público con saídas a domicilios e coa preparación de informes e expedientes de todo tipo. Un traballo que coa cita previa poderá ordenarse mellor ao longo da xornada e cunha maior efectividade.
Chamando ao 981 490 027 e marcando a extensión 1 atenderannos inmediatamente para poñer unha hora que nos vaia ben para facer os trámites e consultas máis habituais. Porén, nese mesmo teléfono sempre nos pasarán coa traballadora social en casos nos que precisemos falar directamente con ela, ben por tratarse cuestións urxentes ou de certa importancia. Con todo, para asuntos graves ou que non poidan agardar poderemos pasar polo Concello como ata agora e pedir que nos atendan en persoa aínda que non teñamos cita concertada.
A cita previa estase implantando desde hai uns días e comezará a funcionar en xaneiro de forma experimental como principal vía de contacto cos Servizos Sociais municipais. Agárdase que o sistema permita facer máis áxil o funcionamento do departamento e mellorar a atención que se lle presta á veciñanza, que obterá desta maneira un servizo máis personalizado e sen esperas innecesarias.











