San Sadurniño abrirá o prazo de prematrícula na Escola Infantil Municipal o día 15
A escola infantil municipal de San Sadurniño teno todo listo para abrir as súas portas. Este martes visitou o centro un equipo de inspección da Consellería de Traballo e Benestar para informar sobre a aptitude do recinto que, segundo parece, cumpre a normativa. Durante a visita só se detectaron pequenos detalles que quedarán solventados nesta mesma semana. Desta maneira, as familias que desexen apuntar os seus nenos e nenas na escola poderán solicitar a prematrícula a partir do día 15, ben enviando o formulario de solicitude ao correo eim.sansadurnino@gmail.com ou ben entregándoo na propia escola os martes e xoves pola mañá ou os mércores pola tarde.
As responsables da empresa Bolboreta recollerán as solicitudes na escola os martes e xoves de 10 a 13 horas e os mércores de 16.30 a 18.30 horas. Con todo, se algunha familia non pode entregar o formulario por esta vía, tamén poderá deixalo no departamento municipal de Servizos Sociais e Igualdade.
O centro ofrece 38 prazas para nenos e nenas de entre 3 meses e 3 anos de idade distribuídas por unidades da seguinte maneira: 8 prazas para 0-1 anos, 13 prazas para nenos e nenas de 1 a 2 anos e unha terceira unidade con 17 prazas para idades comprendidas entre os 2 e os 3 anos. Para acceder á escola será necesario que a unidade familiar estea empadroada en San Sadurniño e só se admitirán solicitudes doutros municipios no caso de que haxa vacantes.
A escola infantil municipal de San Sadurniño funcionará de luns a venres cun horario máximo de 8 da mañá a 8 da tarde nos que se poderá solicitar xornada completa continuada ou partida, media xornada de mañá, media xornada de tarde e unha xornada de 2 horas. Ademais tamén existe a posibilidade de botar man de horas complementarias concertadas para todo o mes ou ben solicitar horas extraordinarias para un día concreto. O centro tamén ofrecerá servizo de comedor con almorzo, xantar e/ou merenda, así como actividades educativas complementarias e extraescolares.
Os prezos de todos estes servizos están recollidos nunha ordenanza municipal modificada no último pleno para incorporarlle as rebaixas formuladas pola empresa que xestionará a escola. Así, tan pronto como entren en vigor as modificacións, a matrícula terá un custe de 20 euros anuais, a mensualidade a xornada completa de 8 horas serán 195. A media xornada de catro horas serán 117 euros e a xornada de 2 horas suporá unha cota mensual de 70 euros. As horas complementarias solicitadas por mes completo terán un prezo de 20 euros/hora solicitado, mentres que as horas por días soltos custarán 3.50 euros. O servizo de comedor terá un prezo de 25 euros ao mes para almorzos ou merendas, de 78 euros para o xantar e de 4 euros para días soltos.
A prematrícula é o paso previo para a apertura da escola, que agora só estaría pendente da autorización da Xunta de Galicia. O centro está completamente equipado con mobiliario e material tanto para xogar como para aprender. Este martes pola mañá a inspección da Consellería de Traballo e Benestar revisou as instalacións e só anotou detalles referidos aos carteis indicadores de cada estancia e das vías de evacuación, así como sobre a colocación dos antipilladedos en todas as portas. Pequenas cuestións de fácil solución que xa estaban previstas e que non requirirán unha nova inspección senón que abondará con acreditalas cunha reportaxe fotográfica tan pronto como queden listas. Tanto o Concello como a propia empresa confían en que o permiso de apertura estea resolto en cousa de días, habida conta de que a inspección non atopou ningún inconveniente máis no recinto.
Para obter máis información sobre o servizo, as familias interesadas poderán pasar pola escola infantil municipal nos días en que pode entregarse alí o formulario de prematrícula, é dicir, os martes e xoves polas mañás e os mércores pola tarde. Tamén poden chamar ao 619 816 029 -teléfono da empresa xestora da escola- ou ao 981 490 027 (ext. 1) do departamento de Servizos Sociais e Igualdade.
Tamén é conveniente botarlle unha ollada ao Regulamento da Escola Infantil Municipal de San Sadurniño que entrou en vigor este martes, 2 de decembro. Nel aparece reflectido o sistema de admisión no centro, a documentación requirida para a matrícula -distinta da folla de prematrícula-, a normativa interna e tamén os mecanismos de control e coordinación que empregará o Concello para velar polo bo funcionamento deste novo servizo de titulariedade pública.











