Samuel Diz ofrece o concerto Camiños da Guitarra Clásica Galega en Monforte

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioMonforte de Lemos
A-
A+
Samuel Diz

Samuel Diz

O guitarrista tudense Samuel Diz ofrecerá un concerto no salón de actos da Casa da Cultura de Monforte, este xoves día 11 de decembro ás 20:15 h.

Samuel Diz graduouse no Conservatorio Superior de Música “Manuel Castillo” de Sevilla baixo a dirección de Gaëlle Solal. Ampliou a súa formación artística cos guitarristas Alen Garagic e Daekun Jang, xunto ó maxisterio de José Luis Rodrigo nos cursos de Música en Compostela, onde recibiu o Premio Andrés Segovia – J.M. Ruiz Morales.

Actuou en diferentes países europeos, americanos e africanos, destacando a súa presentación en The Council on Latin American and Iberian Studies (CLAIS) da prestixiosa Yale University (EE.UU.), e no Harare International Festival of the Arts (HIFA) (Zimbabwe). Tamén debutou como solista no emblemático Palau da Música, recibindo o Premio da Crítica pola súa actuación, destacando o seu “estudo e coherencia do programa, demostrando unha alta seguridade escénica e un son moi diáfano coa guitarra”.

Comprometido coa recuperación e dinamización do patrimonio musical galego, presentou en decembro de 2012 “Guitarra Clásica Galega”, un traballo discográfico editado polo selo Ouvirmos.

CAMIÑOS DA GUITARRA CLÁSICA GALEGA é un concerto dirixido e interpretado por este recoñecido músico e investigador, no que fai un percorrido polo pasado, presente e futuro deste instrumento na nosa cultura. Unha viaxe pola nósa historia dende unha óptica contemporánea, un canto á guitarra galega que inexplicablemente non fora formulado ata o de agora. Trátase así dunha recompilación de pezas fundamentais que nos levarán dende as melodías medievais ata o século XXI.

Samuel Diz completa o seu currículo académico con Diploma de Posgrao en Xestión de Empresas Musicais na Universidade Pompeu Fabra de Barcelona, sendo na actualidade director artístico do “Festival Musica no Claustro” organizado pola S.I. Catedral de Tui.

8 de decembro de 2014 | 10:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.