‘Salvemos a Fracha’ presentará o recurso xudicial contra a construción da autovía A-57 esta semana
A plataforma cidadá ‘Salvemos a Fracha’ mostra o seu estupor polo acordo do Consello de Ministros deste venres 26 de decembro no que se autorizou a contratación das obras do primeiro tramo da autovía A-57. O colectivo non entende a présa que se deu o Goberno en dar luz verde á licitación desta infraestrutura ‘in extremis’ na última reunión do ano despois de máis dunha década de xestións falidas e cando aínda non hai ningunha noticia nin avance nos outros seis tramos da autovía.
O colectivo considera un despropósito que se acelerase a contratación do tramo de 6,4 quilómetros da A-57 entre A Ermida (Pontevedra) e Vilaboa cando o proxecto está concibido en sete fases e tan só dunha hai avances en firme. Dos outros tramos non hai ningunha noticia e moito nos tememos que queden sobre o papel e a obra non chegue a completarse nunca, de aí que se vexa como unha dilapidación aínda maior destinar 100 millóns de euros ao primeiro tramo (o presuposto de licitación ascende a 86,31 millóns de euros, aos que hai que sumar as expropiacións e outros contratos menores como dous millóns de euros para a seguridade das obras).
‘Salvemos a Fracha’ entende aínda menos que se axilizase a tramitación da obra cando nos últimos meses están a aumentar os colectivos sociais e políticos que se opoñen á autovía e a plataforma xa anunciou publicamente a presentación dun recurso xudicial contra o proxecto. O enxeñeiro técnico Anxo Bravo xa rematou o informe elaborado para apoiar o Contencioso-Administrativo e o avogado Jerónimo Escariz está a rematar a redacción da demanda co horizonte de formalizala nun prazo máximo dunha semana.
O recurso que presentará ‘Salvemos a Fracha’ pedirá que se paralice o proxecto de construción da autovía e a paralización preventiva de calquera obra ou actuación na zona á espera de que o xulgado adopte calquera decisión ao respecto. A plataforma quere evitar que as obras cheguen a executarse antes de que saia a resolución xudicial, para evitar desastres como o ocasionado na estrada O Pino-Bora, cuxas obras foron ilegalizaradas pola Unión Europa cando xa estaban realizadas e o dano xa se causara.











