Rocío Mosquera destaca que as enfermidades do aparello circulatorio son evitables con hábitos de vida saudables

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVigo
A-
A+

A conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, salientou hoxe que as enfermidades do aparello circulatorio son a primeira causa de morte nas mulleres galegas, e que as doenzas de corazón e das arterias son evitables e están relacionadas con hábitos de vida pouco saudables que se poden corrixir.

A conselleira participou hoxe na presentación da campaña As mulleres temos corazón, promovida polo Servizo de Cardioloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo, co apoio da Consellería de Sanidade, e que ten por obxecto previr a mortalidade por enfermidades cardiovasculares nas mulleres.

Segundo explicou, esta campaña pódese considerar unha acción relacionada cun dos principais problemas de saúde da sociedade recollidos no Plan de Prioridades Sanitarias 2014-2016. Neste sentido, indicou que o primeiro deles é a cardiopatía isquémica, que globalmente ocupa o segundo posto como causa de mortalidade total e o terceiro en causar máis anos de esperanza de vida perdidos.

“As mulleres de calquera idade debemos preocuparnos -dixo- polas enfermidades do corazón. Así, todas podemos tomar medidas para previlas ao adoptar hábitos saudables no noso estilo de vida”.

Datos de mortalidade

Tal e como destacou, segundo os datos do rexistro de mortalidade da departamento sanitario autonómico, en 2012 5.841 galegas faleceron por enfermidades do aparello circulatorio, o 37,7% do total de mortes. No caso dos homes, foron 4.528, o 29,4%, a segunda causa por detrás dos tumores. Tamén está entre as principais causas de discapacidade nas mulleres.

Falando de causas concretas, desas 5.841 falecidas, 1.786 o foron por enfermidades cerebrovasculares, 1.118 por cardiopatía isquémica, 549 por infarto agudo de miocardio, 364 por enfermidades hipertensivas, 258 por arterioesclerosis ou outras enfermidades dos vasos sanguíneos, 560 por outras enfermidades isquémicas do corazón e 1.176 por outras enfermidades do corazón distintas das anteriores.

Mosquera observou así mesmo que canto máis avanzada é a idade da muller, máis probabilidades ten de padecer unha enfermidade cardíaca, e que actualmente a porcentaxe de persoas maiores de 65 anos xa alcanza en Galicia o 23%, e vai en aumento. “Somos unha das poboacións máis envellecidas non só de España, senón de Europa. Resulta particularmente significativo o noso número de centenarios. Temos en Galicia 1.478 persoas con 100 e máis anos: 1.179 mulleres e 299 homes”.

Perspectiva integral

Segundo a conselleira, a política sanitaria debe adoptar unha perspectiva integral, priorizando os principais problemas de saúde pero abordando tamén, como se pretende con esta campaña, hábitos de vida e comportamentos individuais que son responsables dunha grande parte da carga de enfermidade actual.

A titular da carteira sanitaria insistiu na aposta do seu departamento polas medidas de prevención. Así, en relación con hábitos de vida saudables e para mellorar a accesibilidade da cidadanía aos programas de formación en saúde, a atención á cronicidade e a participación cidadá, avanzou que Sanidade seguirá a potenciar a utilización das tecnoloxías da información.

Neste sentido, destacou iniciativas como a Escola Galega de Saúde para Cidadáns, orientada á formación e pacientes, familias e cidadáns para mellorar a toma de decisións nos seus procesos de saúde-enfermidade, e Xente con Vida, sitio temático oficial sobre hábitos de vida saudables e que ten xa preto de 21.000 seguidores na súa páxina de Facebook.

Por último, a conselleira salientou o traballo realizado polos profesionais do Servizo de Cardioloxía da Estrutura de Xestión Integrada de Vigo e trasladou o seu agradecemento a ANFACO-CECOPESCA e á Fundación Real Club Celta de Vigo pola súa colaboración nesta iniciativa.

1 de decembro de 2014 | 13:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.