Ribadumia prepara unha renovada cabalgata para recibir aos Reis Magos de Oriente
A Concellería de Cultura de Ribadumia trae este ano importantes novidades e sorpresas encamiñadas a facer máis especial se cabe o día máis máxico para os máis pequenos. Así está a traballar para modernizar as carrozas que acompañarán as súas maxestades os reis magos na visita a Ribadumia o vindeiro 5 de xaneiro. Este ano contará con 4 carrozas confeccionadas e elaboradas a petición do Concello e que pasarán a formar parte do inventario de bens municipais evitando así o custe do seu arrendamento.
Estas competirán en expectación, pero non no concurso de Carrozas de Reis, no que poden participar tódalas Asociacións, Grupos e particulares que o desexen. Esta cuarta edición do concurso xa conta con tres participantes que, como todos aqueles que se inscriban recibirán unha axuda de 200€ para material, que se deberá xustificar con facturas de gastos relacionados coas carrozas. Tamén se repartiran 1.200 euros distribuídos 600 euros para a carroza gañadora; 400 euros para o segundo posto e 200 euros para o segundo.
Visita de Nadal ás persoas maiores do municipio
A alcaldesa de Ribadumia, Salomé Peña, comezará estes días coa tradicional visita de Nadal ás persoas maiores do municipio. A alcaldesa visitará persoalmente durante estas festas cada un dos fogares dos maiores de 90 anos que residen en Ribadumia para falar con eles e entregarlles un pequeno agasallo. Un total de 56 persoas maiores de 90 anos residen en Ribadumia.
O motivo destas visitas, segundo Salomé Peña, “é reencontrarme con todos estes veciños de Ribadumia aos que non acostumo a ver nas múltiples actividades que o concello organiza para a xente maior, xa que son persoas que habitualmente están nas súas casas e apenas saen ao exterior. O Nadal é unha época de reencontros entre os veciños e, como non pode ser doutra maneira, desde o Concello de Ribadumia queremos ter un especial detalle cos nosos maiores”.
A visita servirá, ademais para entregarlle un agasallo, “un pequeno detalle para homenaxear a unha xeración que fixeron moito por Ribadumia e felicitalos, posto que superar a barreira dos 90 anos é moi difícil”, comenta Salomé Peña.
Durante esta época, ademais das visitas aos máis maiores de Ribadumia, a alcaldesa tamén visita aos residentes do Xeriátrico de Ribadumia para felicitarlle o Nadal e saudar persoalmente a todos os residentes.











