“Rías Baixas, o viño do mar” abre as súas portas na sede de Afundación en Vigo
A Sede Afundación de Vigo acolle hoxe a inauguración da exposición fotográfica «Rías Baixas, o viño do mar», que agrupa 70 imaxes do fotógrafo galego Xurxo Lobato e que permanecerá aberta até o 31 de xaneiro. O presidente do Consello Regulador da D. O. Rías Baixas, Juan Gil de Araujo;o concelleiro de Comercio de Vigo, Ángel Rivas; a delegada Territorial de Vigo, Mª José Bravo Bosch; o xefe territorial da Consellería de Medio Rural e do Mar de Pontevedra, Miguel Pérez Dubois, así como María Teresa Cores, directora de Contidos Socioculturais de Afundación, e o fotógrafo Xurxo Lobato foron os encargados de presentar en sociedade unha mostra que supón un achegamento ao mundo do viño de Rías Baixas. Precisamente para fomentar a cultura do mundo do viño entre os máis pequenos está previsto que durante o Nadal celébrense uns talleres didácticos, patrocinados por esta denominación.
«Rías Baixas, o viño do mar» reúne unha selección de 30 fotografías do prestixioso fotógrafo coruñés Xurxo Lobato, así como dous cubos, con 8 paneis cada un, que recollen outras 40 imaxes. Todas as instantáneas proceden do libro Rías Baixas, o viño do mar, editado polo Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas con motivo do seu 25 aniversario. A exposición poderá visitarse na Sala I da Sede Afundación en Vigo até o próximo 31 de xaneiro, en horario de luns a sábados de 17.30 a 20.30 horas.
A mostra recolle un ano de traballo de Xurxo Lobato, retratando durante as catro estacións a transformación da paisaxe, as súas luces, as súas néboas… Ademais, mostra as características da D. O. Rías Baixas: os tipos de viñedo en espaldera, as singulares parras, o característico minifundio e as modernas plantacións. Imaxes que impactan e fan gozar ao visitante, achegándolle ao universo dun dos mellores viños brancos do mundo.
Talleres para nenos por xentileza da D.O. Rías Baixas
A D.O. Rías Baixas e Afundación teñen previsto unha serie de talleres didácticos para os máis pequenos coa finalidade de achegar aos nenos ao mundo da arte e do cultivo da vide e da uva galegas, ademais de ofrecerlles un lecer creativo para o Nadal. Para iso propón dúas actividades: «As uvas da sorte» e «Imos de mostos». A primeira, orientada aos pequenos de entre 4 e 10 anos, está programada para o 22 e 23 de decembro, e nela os nenos traballarán, desde o punto de vista plástico e artístico, coas uvas brancas da sorte. A segunda, tamén dirixida a pequenos de entre 4 e 10 anos, terá lugar os días 29 e 30 de decembro, así como 7 e 8 de xaneiro e nela os pequenos achegaranse ao proceso de fabricación do viño, poderán facer o mosto que dará lugar ao viño coas súas propias mans.
Todos aqueles que desexen asistir a estas actividades didácticas poden reservar a súa praza chamando ao teléfono da Sede Afundación en Vigo. Estes talleres están patrocinados pola D.O. Rías Baixas.











