Rey Varela visita as novas instalacións do Banco de Alimentos en Ferrol

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+
Visita ao Banco de Alimentos

Visita ao Banco de Alimentos

O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela; e a concelleira de Benestar Social, Rosa Martínez Beceiro, visitaron esta mañá as novas instalacións da delegación na cidade do Banco de Alimentos, situadas no polígono da Gándara. Jose Manuel Rey manifestou a súa satisfacción “por comprobar que a nosa aposta polo Plan de Oportunidades está plenamente consolidada con este buque insignia da solidariedade”.

O primeiro edil da cidade resaltou os meses de traballo para a posta en marche desta delegación do Banco de Alimentos “para dar servizo dende Ferrol a toda a comarca”. O rexedor municipal tamén destacou o compromiso tanto dos representantes do banco de alimentos como dos ferroláns e os máis 300 voluntarios que participaron na “Operación Quilo”, que permitiu recadar en dous días a cifra récord de 40 toneladas de comida. “Foi un longo camiño para conseguir establecer a delegación na cidade pero as cousas boas acaban por chegar e hoxe o banco de alimentos é un realidade”, engadiu o alcalde. E por último, Jose Manuel Rey valorou ao Concello de Ferrol como “un referente da solidariedade”.

Nesta visita ás novas instalacións da delegación en Ferrol tamén estivo o presidente do Banco de Alimentos Rías Altas, Luis Camba, quen resaltou que “ o banco de alimentos está aquí porque o alcalde e a concelleira de Benestar Social así o quixeron”. O máximo responsable da entidade explicou que ata agora 26 entidades tiñan que ir á delegación da Coruña “e agora poden facelo en Ferrol polo que se evitan os desprazamentos á cidade herculina”. Así mesmo, sinalou que coa apertura desta nova delegación na cidade “máis entidades utilizarán estas instalacións”.

Por outra banda, a delegación do Banco de Alimentos na cidade naval organizará un concerto solidario o vindeiro xoves, día 18 de decembro, no Auditorio de Ferrol. Para acudir a este evento benéfico será necesario doar alimentos. Esta iniciativa está impulsada polo profesorado e alumnado do Conservatorio Oficial de Música Xan Viaño e conta co apoio das Concellerías de Benestar Social e Cultura do Concello de Ferrol.

4 de decembro de 2014 | 19:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.