Rey Varela participará o venres 5 de decembro no acto de acendido do alumeado de nadal nas rúas e prazas da cidade
O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, participará o vindeiro venres, día 5, no acto de acendido do alumeado de Nadal en rúas e prazas públicas da cidade. O tradicional acto terá lugar na praza de Armas ás 18:00 horas e este ano como novidade contará coa actuación da agrupación vogal a cappella “Coro da Rá” que ofrecerá un repertorio musical de soul, blues, jazz, gospel, etc. O Concello de Ferrol realiza cada ano esta iluminación de Nadal en colaboración coa asociación de comerciantes.
Durante estas datas de Nadal, o barrio da Magdalena lucirá elementos ornamentais cun deseño homoxéneo e acorde co carácter patrimonial do barrio. O casco histórico tamén contará con arcadas luminosas transversais led -para un maior aforro enerxético- nas rúas Real, Dolores, Galiano, Magdalena, Igrexa, María, Sol, Carme, Terra, Concepción Arenal, Coruña e Pardo Baixo. Ademais das rúas tamén se poñerá ornamentación de Nadal nas prazas de España, Amboaxe e Armas. Así, decorarase os báculos que hai no centro, entrada e perímetro da praza, e se iluminarán ás entradas ao aparcamento soterrado así como os xardíns da praza coa colocación de figuras. En canto á praza de Armas, un ano máis colocarase o belén de luz; iluminaranse as árbores situados nos laterais da praza e decoraranse as farolas. Así mesmo, e como é habitual nestas datas de Nadal, iluminarase a fachada do Pazo Municipal. E na praza de Amboaxe, ademais da colocación de figuras de Nadal luminosas nos xardíns, como novidade lucirán 40 bolas de luz 3D de diferentes tamaños colocadas a modo de guirnaldas a varias alturas da praza.











