Repuntan as vendas de peixe e marisco no Porto de Vigo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVigo
A-
A+

Durante este mes de decembro e con motivo das festas do Nadal, as vendas de peixe e marisco no Porto de Vigo aumentaron considerablemente con respecto ás cifras rexistradas en meses anteriores.

Tal e como puido comprobar esta mesma mañá o Presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Ignacio López-Chaves, nunha visita á poxa, os produtos que máis demandan os consumidores para a celebración destas festas son o marisco e especies como peixe sapo, ollomol e pescada. Os viveiros situados no Porto Pesqueiro de Vigo, triplican as vendas en comparación con calquera outro mes do ano. O marisco da nosa Ría, moi demandado durante estas datas, multiplica tamén as súas vendas, o que provoca un trasfego constante de persoas e vehículos nestas instalacións, sobre todo en horario de mañá.

Dende o inicio da campaña do Nadal, o tempo favoreceu á frota pesqueira que faena en Gran Sol e nas costas Hispano Portuguesas, polo que as poxas na lonxa duplicaron a súa actividade habitual. Así mesmo, a calidade dos produtos comercializados neste Porto, e consecuentemente a súa demanda nas mesas dun gran número de fogares españois e europeos, provoca que a entrada e saída de vehículos pesados sexa constante durante as vinte e catro horas do día.

A falta do peche do exercicio, durante o pasado mes de novembro as descargas de crustáceos incrementáronse nun 25% respecto ao mesmo período de 2013, ao pasar das 3.835 toneladas en novembro de 2013 ás 4.804 toneladas en novembro deste ano.

Durante o mes de decembro de 2013 descargáronse no Porto Pesqueiro, 3.400 toneladas. Esta cifra xa viuse superada no mes de novembro deste ano e espérase pechar o mes de decembro con maiores capturas, sendo significativo que, nestes momentos, e sen computar os días de forte comercialización, superásemos as 2.650 Tn. Polo que sen dúbida, e ante o repunte dos próximos días, se pechará o mes de decembro superando as cifras de anos anteriores.

As maiores cifras de comercialización espéranse, non obstante, a véspera e antevíspera da Noiteboa e Fin de ano, como adoita ser habitual, notándose menor actividade na antesala do día de Reyes.

O máis demandado

Os buques de Gran Sol, a través dos preto de corenta arrastreiros que faenan nas zonas comprendidas entre Irlanda e Inglaterra, surten ao Porto Pesqueiro vigués de peixe sapo, pescada e ollomol. Especies fortemente demandadas polo consumidor e que se comercializarán a través das lonxas do Berbés, superando as mil toneladas.

Xunto a eles, os máis de vinte buques arrastreiros que faenan no litoral galaico-portugués, tamén aumentarán as súas descargas, experimentando os prezos un incremento propio destas datas. Así, os valores da pescada e a pescada, que ata o momento oscilaron entre os cinco e os dous euros, o ollomol, que se sitúa entre os vinte e catro e os sete euros, chegarán previsiblemente ata o dobre e o triplo as próximas semanas.

Así mesmo, ao redor de corenta palangreiros galegos e portugueses que faenan maioritariamente no atlántico norte, descargan palometa, espada e marraxo; especies que superarán as máis de setecentas toneladas poxado nas lonxas da Autoridade Portuaria de Vigo no mes de decembro do ano anterior.

Pola súa banda, o cerco, que conta cunha frota próxima aos cincuenta buques que atracan nas dársenas do Porto Pesqueiro do Berbés, pesca nestas datas maioritariamente xurelo e cabalón, ao ser as especies que aínda non esgotaron a cota de pesca.

Do mesmo modo, máis dun centenar de embarcacións dedícanse á captura de centolla da Ría, e durante estes días, o prezo roza os máis de corenta euros por quilo. A comercialización non só de pesca fresca, senón de elaborados e viveiros de marisco, intensifícase ata triplicar a actividade, reactivando a economía das empresas do sector pesqueiro de Vigo, que durante esta campaña do Nadal esperan superar un terzo o volume de negocio de todo o ano.

Así, tanto o produto fresco coma o conxelado que ademais de abastecer os mercados de Vigo chega moi lonxe das nosas fronteiras pola súa fama e calidade, pois durante este mes de decembro o tráfico de mercadoría por estrada circulará ininterrompidamente por estas instalacións, se dirixirá cara a todos os puntos da xeografía para asegurar o prezado produto vigués. Especies como a cigala, a nécora, o camarón, o boi ou a ameixa, serán transportados cara aos mercados de toda España, así como os fogares do mundo onde aprecian este gran manxar.

Buques, empresas de transformación, viveiros, comercializadores e transportistas, que superan os 6.200 postos de traballo entre homes e mulleres, elevan esta cifra entre un 10 e un 15% como consecuencia da carga de traballo xerada pola proximidade das festas do Nadal, situando ao Porto de Vigo en segundo lugar, tras a empresa automobilista PSA Peugeot Citröen, en xeración de emprego. Os máis de cincuenta sectores que están vinculados ao sector da pesca como envases, embalaxes, redes subministración a buques, vestimenta profesional, etc. duplican e mesmo triplican a súa actividade profesional durante estas festas.

O segundo semestre do ano que finaliza, supuxo un cambio na tendencia dos meses anteriores ao iniciarse un repunte positivo en canto ás toneladas descargadas e comercializadas nas lonxas da Autoridade Portuaria de Vigo, consolidándose as cifras positivas con respecto ao ano anterior.

23 de decembro de 2014 | 12:10 • Sen comentarios

Comentarios pechados.