publicidade hoxe

Rematan as obras de reforma da Praza de Abastos do Concello de Meaño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMeañoPontevedra
A-
A+

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou, en compaña da alcaldesa de Meaño, Lourdes Ucha, a praza de abastos da localidade co obxectivo de comprobar o remate das obras realizadas neste mercado de cara a súa modernización e renovación.

Na visita estiveron acompañados polo xefe territorial de Economía e Industria, Ignacio Rial.

A orde da Consellería (do 12 de marzo de 2014) á que se acolleu o concello de Meaño, estableceu as bases reguladoras para a subvención de proxectos municipais co obxectivo de mellorar os mercados e prazas de abastos, así como dos espazos do comercio non sedentario, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia.

O proxecto para a reforma do mercado municipal de Meaño supuxo un investimento de 13.740 euros, dos cales 10.305 foron aportados pola administración autonómica, “é dicir, o 75% do total”, explicou Cores Tourís. As obras consistiron na sinalización e reparación do mercado municipal de Dena.

Deste xeito instalouse un toldo, tipo varanda, con estrutura realizada mediante perfiles lacados e unha lona acrílica que permite evitar o impacto directo da luz do sol na época de maior calor sobre as bancadas de pescado, así como a colocación de rótulos luminosos nos locales comerciais .

A maiores, tamén se puxeron en marcha actuacións para a dinamización comercial deste mercado a través de mentoring comercial, o aumento da rendibilidade do punto de venta con técnicas de “visual merchandising”, a colocación do produto e a atención ao cliente.

“A adecuación e mellora dos equipamentos públicos comerciais municipais constitúen un elemento clave para o desenvolvemento do comercio”, recordou o delegado territorial. “Non podemos esquecer que, para estes efectos, as actuacións desenvolvidas polos concellos no ámbito comercial resultan imprescindibles e, moi especialmente, os mercados municipais, que teñen unha singular significación por constituíren espazos de centralidade comercial, que, a miúdo, teñen a capacidade de xerar actividades complementarias ao seu redor, ao tempo que constitúen unha canle de comercialización moi eficaz de produto fresco derivado do mar, a horta e a gandaría”, engadiu.

Por estas razóns, considera Cores Tourís que “é preciso adaptar estes espazos ás necesidades, tanto dos comerciantes como dos consumidores, dende o momento en que os mercados remodelados permiten consolidar unha forma de comercio de proximidade e a rexeneración dun contorno urbano das vilas e cidades”.

Neste senso, “resulta oportuno establecer unha liña de colaboración entre concellos como, neste caso o de Meaño, e a Consellería de Economía e Industria de cara a acadar un modelo de calidade baseado nos principios de accesibilidade, sustentabilidade ambiental, organización e xestión de servizos, e convertelos en centros especializados en produtos da compra cotiá, desenvolvendo unha xestión global aos intereses dos comerciantes e dos propios consumidores, creando así tamén unha rede de mercados de Galicia”, explicou o xefe territorial.

José Manuel Cores Tourís recordou que a Xunta impulsou en 2014 actuacións por un total de 5,5 millóns en toda Galicia destinadas a potenciar os mercados de abastos e a impulsar a competitividade do comercio de proximidade, para os que facilitará axudas por un montante global de 3,8 millóns de euros.

En relación á provincia de Pontevedra, as axudas aportadas pola administración autonómica supuxeron case 2 millóns de euros (1.925.785,2 euros), facilitando así a execución de obras e melloras que contemplan un investimento total de 2.781.670,2 euros.

Pola súa banda, a alcaldesa da localidade agradeceu a implicación da Xunta de Galicia, e en concreto, da Consellería de Economía e Industria, de cara a mellora desta praza de abastos, “xa que é un motor de dinamización comercial do noso municipio”.

2 de decembro de 2014 | 19:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.