Raquel Arias destaca que a Xunta financia o mantemento de axentes de emprego en 48 entes locais da provincia lucense
A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Traballo e Benestar, subvencionará nos próximos meses a contratación de axentes de emprego e desenvolvemento local que prestarán os seus servizos en 48 entes locais da provincia de Lugo.
Así o indicou hoxe a delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, que subliñou que esta medida supón un investimento de preto de 400.000 euros (389.946,20 euros) por parte do departamento autonómico. Ademais dos 47 concellos lucenses que contarán con este tipo de técnicos, a Xunta subvencionará tamén o mantemento de catro axentes de emprego que prestarán servizo na Deputación de Lugo. Os traballadores prestarán servizo en tódalas institucións locais por un período de doce meses.
A Xunta respondeu positivamente a todas as solicitudes presentadas polos concellos e entes oficiais, que, desta maneira, reciben axuda económica por parte do Executivo galego para este servizo. Os axentes de emprego son contratados por un período de 12 meses e desenvolven tanto tarefas de estudo sobre o mercado laboral como de asesoramento puntual aos emprendedores, centrándose nas características e posibilidades de empregabilidade da zona concreta que supón o seu ámbito de actuación.
O seu principal obxectivo apunta “á promoción económica local, ao impulso de proxectos empresariais e de iniciativas innovadoras para a xeración de emprego naquelas actividades económicas que ofrecen mellores perspectivas de futuro no lugar de referencia”, expuxo Arias.
Para isto, os axentes de emprego realizan prospeccións de recursos ociosos ou infrautilizados no panorama económico local, identificando novas actividades económicas e posibles emprendedores. Difunden esta información entre desempregados, promotores e emprendedores, estimulando a formación dunha maior conciencia empresarial como oportunidade de emprego.
Os axentes de emprego realizan tamén labores de acompañamento técnico no inicio de proxectos empresariais concretos. Informan sobre a viabilidade técnica, económica e financeira; ofrecen asesoramento técnico durante as primeiras etapas de funcionamento, e solventan calquera dúbida que poida xurdir neses inicios da actividade empresarial.
A rede axentes de emprego e desenvolvemento local é unha aposta da Consellería de Traballo e Benestar polo progreso económico e empresarial dende unha perspectiva local, favorecendo especialmente ás zonas menos favorecidas en termos socioeconómicos en aras de conseguir un maior equilibrio territorial.











