Quico Cadaval será o presentador da Gala do Comercio do Morrazo
A Federación de Comerciantes e Industriais do Morrazo está xa inmersa na organización da quinta edición da Gala do Comercio que se celebrará o Domingo día 11 de Xaneiro. O evento rota de localidade en cada edición e desta vez será organizado na vila de Cangas, no Auditorio Municipal ás 18:00 horas.
Coma sempre, será unha cara coñecida do panorama cultural galego o encargado de conducir a Gala, un evento moi especial que se celebra trala Campaña de Nadal onde o comercio local é o protagonista. Xa se pode desvelar que nesta ocasión o presentador será o gran Quico Cadaval, e en próximas datas confirmaranse outras sorpresas.
Quico Cadaval, nacido en Ribeira en 1960, conta cunha dilatada experiencia no mundo das artes escénicas, sendo un dos máis afamados directores teatrais galegos, actor e sobre todo contador de historias, faceta que aprendeu dende neno transmitidas no seu entorno familiar e polos personaxes da máis variada índole que pasaban polas tabernas da súa vila natal.
Comezou a interpretación teatral a finais dos anos setenta no Centro Dramático Galego, e xa nos anos oitenta fundou a súa propia compañía: “Ou Moucho Clerc”.
Traballou en diferentes producións de TVG, así como en curtametraxes e longametraxes, e recibiu diferentes premios polo seu traballo no teatro. Foi profesor de interpretación da Operación Triunfo portuguesa no ano 2003.
É autor de textos como “O Códice Clandestino” (1989), “O rouxinol de Bretaña” (1991) para a compañía O Moucho Clerc, ou “Espantoso” (2002), premio María Casares ao mellor texto orixinal do ano.
En teatro dirixiu entre outras as obras Días sen gloria (1993) de Roberto Vidal Bolaño, Noite de Reis (2008) de Shakespeare, Oeste solitario (2011), de Martin McDonagh ou a “Ópera dous tres reàs” (2011) de Bertold Brecht co Centro Dramàtico Galego.
Como contador de historias formou parte das “Noites de retranca” un espectáculo de humor que percorreu Galicia con protagonistas como Quico Cadaval, Carlos Blanco, Rober Bodegas e Manquiña, entre outros.
Retranca non lle falta ao presentador da Gala deste ano, que ofrecerá ao público unha tarde de risos asegurados. O seu monólogo irase intercalando cos momentos importantes do evento, como a entrega dos cheques-compra de 100 e 200 euros aos clientes agraciados, da man dos comerciantes que lles deron o premio.
Por outra banda, no transcurso da gala procederase en directo ó gran sorteo final da Campaña de Nadal 2014: os agardados tres premios de 1000€, entre todos aqueles boletos que foron rexistrados na páxina www.compranomorrazo.com. Sacarase un premiado por cada localidade (Bueu, Cangas e Moaña) e coñecerase o establecemento que lle deu a sorte.
Este espectáculo será de entrada libre e gratuíta, e contará cunha importante parte musical que aínda está por desvelar. Será unha gran festa pensada especialmente para poñer en valor o comercio de proximidade e facelos protagonistas.
A Gala continuará os éxitos acadados en edicións pasadas, no 2011 con Salvador del Río como presentador, no 2012 cun magnífico Xavier Veiga, co polifacético Carlos Blanco en 2013, e co representante galego da gran pantalla Luis Zahera en 2014
As empresas do Morrazo continúan a entregar premios aos seus clientes
A Campaña de Nadal das empresas do Morrazo segue a dar premios polas compras aos seus clientes. Ata o día de hoxe foron entregados un total de 28 premios entre os cales se atopan 2 cheques-compra de 100€ e outros dous de 200€. Os demáis foron cheques compra de 50€.
Os premios van saíndo moi repartidos entre as tres localidades, once premios en Cangas e outros once en Moaña, entregando Bueu – a localidade máis pequena -un total de seis premios.
Os clientes están a ser moi activos e xa se sobrepasaron os 18.000 códigos rexistrados. Infórmase que se pode participar en www.compranomorrazo.com ata o día 8 de xaneiro de 2015 e que todos os códigos introducidos, con premio ou non, contarán para o sorteo final dos tres premios de 1000€.
Para participar non hai máis que facer as compras nalgún dos 200 establecementos participantes da campaña, e no momento recibirán os seus boletos cos cales poden ser gañadores dos 23 premios que aínda quedan por saír ou dos premios finais de 1.000€.











