publicidade hoxe

Proxecto Vocal Concerto Tempo, Coro Vocalisse e Lucero del Alba no VIII Concerto de Nadal de Neda

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaNeda
A-
A+

O Concello organiza, un ano máis, o Concerto de Nadal Real Vila de Neda. Unha cita imprescindible para dar a benvida ao Nadal. E, como na edición anterior, con doble xornada de concertos. Así, este sábado, 13 de decembro, ás 19 horas, o público poderá seguir a actuación do Proxecto Vocal Concerto Tempo. E, ao día seguinte, domingo, no mesmo escenario e tamén ás 19 horas, está programado o concerto do Coro Vocalisse e da rondalla local Lucero del Alba. Unha actuación que conta coa colaboración da Deputación Provincial da Coruña. En ámbolos dous casos, a entrada é gratuíta.

O Proxecto Vocal Concerto Tempo é unha agrupación coral de xente nova que conta no seu historial con diversos premios a nivel autonómico e nacional. Realiza tamén actuacións a capella interpretando obras de estilos, épocas e autores moi variados, e conta con diversos repertorios adaptados ás distintas épocas do ano. Pola súa banda, Vocalisse crea un espectáculo diferente e innovador, apostando pola difusión dunha música coral fresca e potente coa interpretación de temas góspel e versións corais de grandes éxitos pop e soul en versión coral a capella ou acompañada.

Non podía faltar tampouco nesta cita cultural xa consolidada no calendario de Neda a rondalla local Lucero del Alba. Hoxe en día, e por méritos propios, moito máis que unha entidade cultural da vila, unha auténtica institución que forma parte da identidade e da historia de Neda. Pese ao tan recente falecemento do seu presidente, Andrés Pena, a rondalla, reunida en asamblea, decidía manter a súa participación no certame animada sobre todo pola súa familia. De feito, e como todos os anos, a súa viúva colaborará coa cita decorando unha vez máis o escenario. Un traballo que lle agradece moi especialmente o Concello.

10 de decembro de 2014 | 12:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.