Preséntase en Santiago o libro de Koki “Un neno na emigración”
Os secretarios xerais da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, e de Política Lingüística, Valentín García Gómez, asisten esta tarde á presentación do libro infantil “Un neno na emigración”, do que son autores Francisco Álvarez ‘Koki’ e a ilustradora Marta Iglesias Rodríguez. O acto, que terá lugar no Centro Cultural Municipal do Porriño, contará asemade coa presenza do alcalde desta localidade, Nelson Santos.
O libro narra as experiencias dun rapaz nado na Galicia territorial e a quen os seus pais levan a vivir a Nova York sendo aínda moi cativo; as súas vivencias tanto na metrópole americana como na terra de orixe; e o contraste de culturas dispares, pero que se fan complementarias grazas á inocencia da aprendizaxe infantil que comparte con nós Breogán.
Dirixido ás nenas e nenos que comezan a ler, a obra preséntase en edición trilingüe (inglés, castelán e galego), de maneira que os máis novos poden irse acostumando á convivencia e conveniencia de mundos lingüísticos coetáneos e paralelos. Saída do prelo por Edicións do Cumio, “Un neno na emigración” conta coa colaboración da Xunta de Galicia, e a edición correu a cargo de Cándido Meixide Figueiras.
Balbino no século XXI
Na presentación, Rodríguez Miranda realizará un paralelismo entre este Breogán e o rapaz máis coñecido da Literatura galega, Balbino, protagonista de Memorias dun neno labrego de Xosé Neira Vilas, que representa unha época dunha Galicia emigrante “por fortuna superada. Aínda que bebe da mellor tradición galega -pois a nosa literatura refire constantemente unha parte fundamental da nosa historia como é a Emigración-, a obra de Koki ten un cariz ben distinto, amósanos unha Galicia moderna e plenamente integrada no mundo, desde a perspectiva do Balbino do século XXI”, asegura o secretario xeral da Emigración.
Segundo Rodríguez Miranda, “o Balbino desta obra, Breogán, como o resto de rapazas e rapaces galegos da diáspora, nados na Galicia territorial ou xa no Exterior, falan hoxe inglés, castelán, galego, e mesmo algún idioma máis, como alemán ou francés, e así consideran con total normalidade que todo mundo é a súa casa. Xamais Galicia foi tan internacional como arestora, grazas ás xeracións dos nenos e nenas máis pequechos”, afirma.
Pola súa banda, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez, gaba a importancia da creación literaria galega no Exterior, “que converte a Galicia nun país cunha especial relevancia dos creadores nados ou criados na diáspora”, di García, “como o citado Neira Vilas, ou practicamente todos os grandes homes e mulleres das nosas letras, ou o propio Blanco Amor, sobre cuxa obra A esmorga se está a estrear estes días unha película chea de éxitos; pois ben, esa obra tamén foi escrita na Emigración”.
O responsable de Política Lingüística salienta a importancia da literatura infantil e xuvenil, e de obras ilustradas como Un neno na emigración para as idades máis cativas, na normalización do idioma galego, máxime tendo en conta que a edición preséntase en igualdade de condicións respecto aos outros dous idiomas con presenza no futuro desenvolvemento do alumnado.











