Preséntase en Monforte o conto “Inés de Castro: unha muller para o 8 de marzo”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMonforte de Lemos
A-
A+

Este mércores 17 de decembro a Concellería de Igualdade, a través do CIM e en colaboración co colectivo “Lemos Le” e cos centros educativos e bibliotecas de Monforte e da comarca de Lemos, fará a presentación pública do conto “Inés de Castro: unha muller para o 8 de marzo”.

Este acto encádrase na serie de actividades que se fixeron, dende diversos ámbitos e ó longo do ano en curso, en torno á figura de Inés de Castro.

O conto “Ines de Castro: unha muller para o 8 de Marzo” é o resultado do traballo realizado durante o mes de marzo de 2014 co alumnado de educación primaria de Monforte e da comarca de Lemos. A edición en papel e a publicación do conto foi posible grazas ás actuacións da Secretaría Xeral da Igualdade e do Fondo Social Europeo que, xunto co Concello de Monforte de Lemos, cofinanciaron a actividade.

Neste contexto, aproveitando estas datas de Nadal e antes do período de vacacións, farase a presentación pública do Conto no Salón de Actos da Casa da Cultura este mércores 17 de decembro. Será en dúas sesións, unha de 11:00 a 12:00 horas e outra de 12:00 a 13:00 horas, ás que está convidado todo o alumnado e profesorado que participou nesta iniciativa, isto é centros educativos, bibliotecas e o colectivo “Lemos Le”, ós que se lles fará entrega dunha serie de exemplares para que poidan ter dispoñibles nas súas instalacións e para que toda a poboación que o desexe poida acceder ó Conto.

O acto rematará cunha sesión de conta contos titulada “Construíndo Igualdade” a cargo de Paqui Abeledo, monitora de teatro, que achegará a temática da igualdade ó público infantil a través dun medio lúdico e divertido como é un conto e, continuando así na liña da presentación do conto de “Ines de Castro: Unha Muller para o 8 de Marzo” que, ademais da edición en papel, tamén está dispoñible en formato dixital na web do Concello de Monforte.

15 de decembro de 2014 | 16:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.