Preséntase en Ferrol o libro “Manuel Patinha” da colección de Grandes Pintores

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaFerrolLocal Portada
A-
A+
Presentación do libro

Presentación do libro

O presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo, presentou onte en Ferrol, no centro Torrente Ballester, o libro “Manuel Patinha”, editado dentro da colección de Grandes Pintores da institución provincial e en cuxa elaboración participaron, entre outros, Eva Ocampo Vigo, Pedro Taboada Martínez e María Fidalgo Casares.

É a segunda presentación que se realiza da obra, a primeira foi na sede provincial, pero era obrigado facer tamén esta homenaxe na que é a segunda casa de Patinha, a comarca de Ferrol, onde reside dende hai anos. 

Ao acto acudiu o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, que  definiu a Patinha coma un ferrolán máis: “Debuxante, escultor, poeta, pintor e gravador, a obra de Patinha non deixa indiferente a quen a coñece, atesourando unha prolífera colección de grandes e pequenos tesouros nos que plasma as súas vivencias e ás que imprime o seu compromiso coa arte e a beleza”, subliñou o primeiro edil de Ferrol. 

O presidente da Deputación, pola súa banda, explicou que “ante un creador tan versátil e fértil, con achegas nacidas, como el mesmo di, desde o máis profundo do seu sangue, nesta Deputación tivemos sempre claro que Manuel Patinha merecía un espazo na nosa colección de Grandes Pintores”.

Nun emotivo encontro ao que asistiron artistas e compañeiros de Manuel Patinha, Calvo asegurou que a obra do debuxante-grabador-pintor-escultor-poeta-autodidacta é “difícil de catalogar”. Porque, apuntou, “é ampla, variada, extensa e singular en cada un dos campos que toca”, nos que, porén, mantén “unha coherencia digna de salientar nuns tempos nos que a expresión artística está cuestionada ante o que moitos interpretan como un excesivo mercantilismo”. Neste senso, agradeceu ao creador afincado en Monte Curuto “esa liberdade” que demostra en cada unha das súas obras.

Todos os participantes na presentación (acompañaron ao artista Eva Ocampo e Pedro Taboada) coincidiron en destacar a influencia que exerceron na obra de Patinha os seus “mecenas”, ese matrimonio naronés formado por Álvaro e Divina que, de xeito desinteresado e cando o artista sufriu un duro revés persoal, acollérono na súa casa e déronlle o que máis desexa un creador: un espazo onde traballar.

Así, a lembranza de Álvaro García Acción, recentemente falecido e a quen vai dedicado o libro, foi unha constante durante toda a presentación dun manual que, segundo explicou Eva Ocampo, “recolle toda a traxectoria vital e artística dun home prolífico coma poucos”.

Pola súa banda, Manuel Patinha mostrouse agradecido á Deputación pola publicación desta obra, elaborada a partir de seis grandes eixos: Reseña Bibliográfica, Patinha Pintor, Patinho Escultor, Escultura Pública, Escultura conmemorativa do 800 aniversario da Catedral de Santiago, Curriculum, e Textos en Portugués.

30 de decembro de 2014 | 11:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.